Deputación de Lugo

Remata o primeiro curso de cestería da programación de verán do CENTRAD

Os alumnos aprenderon as técnicas de fabricación dos carabelos típicos da Mariña e da ría de Muros e Noia

Hoxe rematou o primeiro curso de cestería da programación de verán do Centro de Artesanía e Deseño da Deputación de Lugo: cestería tradicional galega de vimbio. Carabelos de Ribeira. Desde o día 23 ata este xoves, os asistentes descubriron a técnica existente para a construción de carabelos de ribeira típicos da Mariña luguesa e da ría de Muros e Noia. Estes cestos eran empregrados polos pescadores de baixa mar. Son dúas modalidades semellantes, elaborados con vimbio, pero diferentes na súa forma. Deste xeito, os da zona de Viveiro e Burela caracterízanse por ter unha estrututura máis rectagular que permite que sexan facilmente adaptables ó corpo dos pescadores, mentres que os da ría Pontevedra posúen unha forma máis redonda que se estreita na boca. No curso, impartido polo artesán Carlos Fontales, participaron 8 alumnos de toda a provincia. O obradoiro desenvolveuse de 16:30 a 20:00 horas. Segundo curso Por outra banda, desde mañá venres ata o domingo, 20 de xuño, desenvolverase o de cestería francesa de vimbio. Grageole (cesta francesa para recoller froita). O obradoiro, desenvolverase tamén no centro de cestería do río Rato, en horario de 16:30 a 20:30 horas o venres, e de 10:00 a 14:00 horas e de 16:30 a 20:30 horas o resto dos días. En todos os cursos a inscripción pode realizarse ata dous días antes do comezo de cada actividade, a través do teléfono 982 210 066 ou do número de fax: 982 21 90 14. Os cursos tamén poden consultarse na web: www.deputacionlugo.org Con estes cursos preténdese potenciar e poñer en valor os oficios artesanais evitando que desaparezan e impulsando a economía baseada no artesanal. Deste xeito, docentes de Galicia e de España amosan as súas técnicas ós alumnos. Os cursos impártense nunha das mellores escolas de cestería permanente de España e Europa por varios motivos: ademais de dispoñer dun entorno privilexiado que contribúe a que este oficio teña continuidade, destaca pola variedade de técnicas que se imparten nela. En Holanda, Francia, Dinamarca e Alemaña existe unha forte tradición na cestería, pero limítanse a ensinar unha modalidade concreta a diferenza do que acontece no centro do río Rato, donde ademais da variedade trabállase por recuperar e dar a coñecer as técnicas tradicionais de Galicia e de España traendo ós artesáns que aínda continúan con esta técnica para impartir os cursos.