Deputación de Lugo

A Área de Cultura da Deputación programou un espectáculo de circo nos xardíns do Pazo de San Marcos

Numeroso público acudiu ao Pazo de San Marcos para presenciar este novidoso espectáculo circense

Os xardíns da Deputación acolleron ao numeroso público que se achegou para presenciar as acrobacias e malabares do Combinado Galego de Novo Circo. Ademais dos acróbatas, que desenvolven a súa actuación nunha espectacular montaxe que lles permite sobrevoar aos espectadores, este espectáculo circense basease nos xogos malabares e nos números de clown. A actuación dos acróbatas foi acompañada por música en directo con tres instrumentistas que animaron as acutacións interpretando temas de fanfarria. A área de Cultura incluíu este espectáculo, dentro da súa programación de Cultura Aberta nos Xardíns da Deputación, co ánimo de dar presenza ao maior número posible de disciplinas artísticas. O Combinado Galego de Novo Circo está formado por avezados acróbatas e malabaristas con anos de experiencia que pretende, baixo este nome, dar forma a un proxecto de futuro que poña en valor esta especialidade artística emerxente no noso país. A programación de actuacións en Cultura Aberta nos Xardíns da Deputación tenta cubrir o baleiro de programación cultural que se da na cidade durante o verán e esta a ter unha gran acollida por parte do público que acude en grande número, aos xardíns da Deputación, para presenciar as actividades programadas. Para todos os asistentes a apertura deste espazo supón descubrir un lugar idóneo para a celebración de eventos culturais que ata o de agora permaneceu pechado á cidadanía.