Deputación de Lugo

O INLUDES destina 131.000 euros á formación
na artesanía

Lara Méndez destacou que a cantidade destinada a formación se enmarca dentro do orzamento global do CENTRAD cifrado en 1.286.515 euros

A Vicepresidenta Segunda da Deputación, Lara Méndez, presentou este mércores a programación de téxtil para 2008 do Centro de Artesanía e Deseño da Deputación de Lugo. Lara Méndez destacou a importancia que ten a formación para o novo equipo de goberno, “de aí que do orzamento do CENTRAD, cifrado en 1.286.515 euros, se reseven 131.000 euros. Sempre falamos que para nós ten moita importancia esta cuestión que é necesaria para preservar estes oficios tradicionais de gran valor”. Con todo, a responsable provincial matizou que “non se trata dunha cifra exclusiva, xa que se ó longo do ano xurden novas actividades, esta partida poderá aumentarse”. A programación de téxtil inclúe 5 cursos que contan cun presuposto de 10.6668 euros, nos que se abordarán as principais técnicas: iniciación ó tapiz, tinguido shibori para seda e la, elaboración de feltro modelable, tecidos en baixo lizo e fiado e cardado e tinturas naturais para la. “Trátase dunha programación moi diversa e variada que destaca porque non repite ningún curso respecto ás edicións anteriores. O que pretendemos é que os participantes doutros anos e os que decidan participar nesta edición sigan ampliando os seus coñecementos, profesionalizándose aínda máis”, engadiu Lara Méndez. Os cursos darán comezo o 2 de xuño e rematarán o 26 de setembro. Dispoñen de 140 horas e o número máximo de prazas por cada curso é de 10, o que permitirá “dar unha formación personalizada e directa, xa que o que se trata é de que os participantes saian cuns bos coñecementos”. O artesán Ramón Álvarez será o encargado de impartir os obradoiros que se desenvolverán no pavillón 8, no taller de téxtil do CENTRAD. Están destinados a artesáns, a profesionais do sector e ó público en xeral. A Vicepresidenta Segunda da Deputación explicou que “permiten recopilar as técnicas tradicionais de téxtil como pode ser o shibori –técnica de orixe xaponesa moi antiga- e outras máis recentes como a que se imparte no primeiro curso de iniciación ó tapiz. O que se pretende por tanto é recuperar as principais técnicas combinándoas cos métodos recentes”. O prezo da matrícula oscila entre os 20 e os 40 euros. A inscripción poderá realizarase ata dous días antes do comezo de cada curso. O proceso de selección establécese en función da orde de inscripción. Os materiais son proporcionados polo Centro de Artesanía e Deseño, así como os teares. O CENTRAD pon a disposición dos usuarios 7 máquinas de baixo lizo, de 1,70 de ancho, que son reproducións do tear manual que se empregaba no século XIX. Cestería na rúa A Vicepresidenta Segunda da Deputación anunciou ademais que no mes de xullo e co motivo do 50 aniversario da Asociación Cultural e Folclórica Bágoas da Terra de Viveiro celebrarase un obradoiro de cestería en directo na rúa. A incripción poderá realizarse ó longo do día. Neste senso, Lara Méndez destacou que “imos comezar a levar á práctica un dos obxectivos do INLUDES e o CENTRAD. A nosa intención é abrir a artesanía á cidadanía e dalos a coñecer á xente de a pé. Trátase dunha experiencia novidosa, dinámica que permitirá chegar a un maior número de persoas. O que queremos e dar a coñecer a actividade que se fai desde o CENTRAD e de paso recuperar oficios tradicionais. Con este obxectivo intentaremos que esta actividade se extenda a outros Concellos”. Exposicións permanentes Por outra banda, a responsable do INLUDES destacou que outro dos obxectivos que se persegue desde o Centro de Artesanía e Deseño da Deputación é promover e difundir a actividade que desenvolven os artesáns do Centro nos distintos obradoiros. “Tal e como se fixo coa inauguración no mes de marzo coa exposición permanente de instrumentos musicais, agora imos facer o mesmo co resto dos talleres. O seguinte que queremos inaugurar é o de traxes rexionais”. Lara Méndez adiantou que a finais do verán podería abrirse ó público este taller “para seguir impulsando o Centro de Artesanía e poñéndoo no lugar que se merece tanto na provincia como a nivel autonómico, estatal e internacional”. Lara Méndez destacou que son traxes moi valorados, de finais do século XX, nos que para a súa elaboración combínanse os tecidos modernos coa elaboración artesanal, a través de encaixes e vidros cuidadosamente tallados, polo que “se trata dunha gama de materiais de gran calidade”. A colección contén pezas de señora, cabaleiro e neno. Estes exemplares xa estiveron presentes en feiras, certames, exposicións e desfiles. Deste xeito, pezas do Taller estiveron na XIII Feira de Antigüidades de Sarria celebrada no mes de abril. É un dos talleres máis vistosos. Está formado por cen traxes confeccionados, o máis valioso contén 23 quilos de pedrería, o que fixo que hai 15 anos xa fose valorado en máis de 6.000 euros. Todos os traxes rexionais foron deseñados en base a modelos tradicionais e confeccionados por persoal do obradoiro que iniciou Margarita Lagarón, a nai da actual bordadora, María Dolores Palacios. O taller conta cunha modista e unha bordadora, pero durante anos funcionou como escola taller e colaborou moitos anos con asociacións folclóricas.