Deputación de Lugo

A Vicepresidenta Segunda da Deputación desbloquea dúas obras na Mariña

Imaxe deputación de lugo
Tres equipos están a traballar nas obras de abastecemento de auga de Burela e Cervo tralas xestións de Lara Méndez

A Vicepresidenta Segunda da Deputación, Lara Méndez, desbloqueou dúas importantes obras na Mariña. As xestións realizadas pola responsable provincial permitiron retomar os traballos da nova rede de abastecemento de auga de Burela e Cervo e axilizar os trámites para executar as obras de mellora do vial de Rúa, en Cervo. No caso das obras de abastecemento, xa están a traballar tres equipos da empresa construtora, tralo consenso propiciado por Lara Méndez entre a Consellería de Medio Ambiente e a Deputación. A Vicepresidenta Segunda mantivo varias reunións nos últimos días con técnicos das administracións autonómica e provincial que permitiron introducir melloras técnicas que fan viable a obra. Lara Méndez amosou en todo momento a boa disposición da Deputación para acadar unha solución que faga posible rematar canto antes este proxecto, de gran importancia para os Concellos de Cervo e Burela. As obras, que levaban varias semanas paralizadas, retomáronse onte. Polo que se refire ó vial de Rúa, no Concello de Cervo, a Vicepresidenta Segunda traballou para que se lle dese a máxima urxencia ós expedentes expropiatorios que tiña paralizados o anterior goberno provincial, correspondentes a dous Plans Operativos Locais dos anos 2005 e 2006. Méndez confía en que no prazo de tres meses o Xurado Rexional de Expropiacións resolva os expedentes. En canto rematen os trámites administrativos e a Deputación teña a súa disposición os terreos necesarios para acometer os traballos, darase a máxima prioridade ás obras. Lara Méndez aproveitou a visita que fixo onte o Presidente da Deputación á Mariña, para amosarlle o estado no que se atopan os traballos, que estaban totalmente paralizados cando os actuais responsables provinciais chegaron ó goberno. José Ramón Gómez Besteiro puido comprobar in situ a importancia que esta vía pola que transita un gran número de vehículos ó día.