Deputación de Lugo

A Deputación empregou 850 toneladas de sal nas estradas provinciais desde novembro

As empresas contratadas polo organismo provincial tiveron 70 intervencións por mor do xeo e a neve

O voceiro do grupo provincial socialista, Antonio Gato Soengas cualificou de satisfactorio a actuación das empresas contratadas pola Deputación para atender as incidencias nas estradas provinciais. Na rolda de prensa posterior á Xunta de Goberno, Gato Soengas dixo que “desde novembro de 2007 ó un de maio deste ano botáronse 850 toneladas de sal nas estradas provinciais e houbo 70 intervencións por mor do xeo e a neve”. Antonio Gato lembrou que por primeira vez a Deputación incluiu nos contratos con estas empresas unha cláusula pola que deben estar dispoñibles as 24 horas do día os 365 días do ano para atender calquera tipo de incidencias na rede viaria provincial. “Os Concellos, protección civil ou a garda Civil de tráfico son as que comunican esas incidencias e logo as empresas actúan. O resultado neste periodo foi satisfactorio”, apuntou o voceiro socialista. Segundo o informe da Área de Infraestruturas dado a coñecer polo voceiro socialista, no devandito periodo estas empresas interviron en 45 accidentes de tráfico ocorridos nas entradas provinciais, coa retirada de restos de vehículos ou a limpeza de aceite; retiraron 90 árbores e ramas da calzada; eliminaron 20 fochancas que supoñían un perigo para a circulación; actuaron en 25 desprendimentos e asfaltaron treitos especialmente deteriorados que suman un total de 60 quilómetros de vías. Por outra banda, Antonio Gato anuniciou que dentro da política de cooperación cos Concellos enviouse a todos os municipios da provincia, agás o de Lugo, un texto no que se recollen as novidades da Lei de Contratos do Sector Público que entrou en vigor o un de maio. Este documento, elaborado polo Gabinete de Asistencia Xurídica ás Corporacións Locais, está especialmente dirixido ós secretarios e interventores e ó persoal administrativo relacionado con estas áreas. Acordos Xunta de Goberno En canto á Xunta de Goberno, este venres aprobáronse os modelos de propostas de contratos menores e de declaración responsable. “O obxectivo é unificar a documentación relativa á xestión dos expedentes contractuais para acadar un maior control e unha reducción dos gastos”. Por outra banda, aceptáronse as resolucións do xurado de expropiacións de Galicia correpondentes a expedentes de tres obras dos POS 2005 e 2006 nos Concellos do Incio, Castro de Rei e Vilalba. Tamén se ratificou a adxudicación do concurso para a contratación da póliza de seguro de vida e accidentes aplicable ó persoal da Deputación e o INLUDES. O concurso, ó que optaron 5 empresas, foi adxudicado a Vidacaixa, S.A Seguros y Reaseguros en 176.331 euros e por un periodo de un ano.