Deputación de Lugo

O Presidente da Deputación captará investimentos en Sudamérica e abrirá novos mercados internacionais

José Ramón Gómez Besteiro inaugurará en setembro dúas programacións formativas: un plan piloto para os emprendedores da Mariña e outro dirixido ós lucenses que residen na emigración

A axenda do Presidente en Montevideo, Bos Aires e Caracas inclúe reunións empresariais de alto nivel con representantes das institucións, factorías e asociacións empresariais moi prestixiosas Cúmprese así outra débeda histórica da Deputación de Lugo, a única das galegas que nunca colaborou cos seus emigrantes O Presidente da Deputación de Lugo, José Ramón Gómez Besteiro, realizará a segunda semana de setembro unha visita institucional a Sudamérica que terá entre os seus obxectivos captar investimentos e abrir novos mercados internacionais. Así o anunicou este martes a Presidenta en funcións, Lara Méndez, que temén avanzou que o máximo responsable provincial inaugurará durante esta visita un programa formativo destinado a emigrantes lucenses e ós seus descendentes. Ademais, o 22 de setembro Gómez Besteiro inaugurará na Mariña un programa piloto para a sucesión de empresas familiares. Lara Méndez dixo que para a Deputacion de Lugo o mes de setembro estará marcado pola economía e a empresa, en concreto, por dous ambiciosos programas nos que levamos traballando nos últimos meses e que agora estamos en condicións de iniciar de inmediato, e cos que apostamos polas empresas de Lugo, estean dentro ou fóra da nosa provincia. Reunións empresariais de alto nivel A axenda do Presidente, desde o 7 ó 13 de setembro en Montevideo, Bos Aires e Caracas, inclúe reunións empresariais de alto nivel con representantes de institucións, factorías e asociacións empresariais moi prestixiosas. Lara Méndez afirmou que estamos seguros de que a provincia de Lugo sairá fortalecida con esta rolda de contactos internacionais. O Presidente da Deputación terá unha apretadísima axenda institucional cun claro obxectivo empresarial e económico que lle obrigará a aproveitar o tempo ata o punto de estar en 3 países en tan só 6 días. Fronte a política da limosna, nós apostamos polas políticas empresariais. Programa destinado a emigrantes lucenses Durante esta visita institucional, José Ramón Gómez Besteiro inaugurará o programa Iniciativas Emprendedoras dirixido a emigrantes lucenses e ós seus descendentes. Lara Méndez subliñou a importancia desta iniciativa, xa que que a provincia de Lugo conta con preto de 44.000 lucenses residentes no exterior, dos que o 80% viven en Sudamérica. O programa promovido pola Deputación ten dous obxectivos básicos. Por unha banda, que os emigrantes lucenses poidan constituír unha empresa en Lugo, como una vía de inserción laboral para o retorno, ou ben no seu propio país de residencia e, por outra, ofrecer a oportunidade de ampliar mercado e diversificar a súa actividade empresarial a aquelas persoas que xa teñen a empresa constituída e que, desde o seu país, decidan expandirse cara o mercado lugués e galego, ou ben realizar investimentos aquí. Un triple obxectivo Segundo avanzou a Presidenta en funcións, a viaxe institucional do titular da Deputación de Lugo ten un triple obxectivo: 1.- Inaugurar a primeira programación formativa da Deputación no exterior. 2.- Facer negocio, captando investimentos e coa apertura de novos mercados grazas á cooperación empresarial e de dirixentes institucionais de países sudamericanos. 3.- Ademais, o Presidente poñerá fin así a outra débeda histórica desta institución –igual que está a facer cos pagos do canon hidroeléctrico, a rede provincial de parques de bombeiros ou a UNED-: que a Deputación estableza relacións coa emigración lucense, xa que era a única Deputación que nunca mirou polos seus emigrantes, a pesar de que en todas as familias lucenses como mínimo houbo un emigrante, dixo Lara Méndez. Inauguración na Mariña Polo que respecta á segunda iniciativa empresarial que a Deputación poñerá en marcha o vindeiro mes, Lara Médez avanzou que Presidente inaugurará o 22 de setembro en Viveiro un programa piloto na provincia de Empresa familiar e sucesión. Eleximos a Mariña lucense para poñer en marcha este programa pioneiro na nosa provincia e que vai favorecer claramente ás pequenas e medianas empresas. Posteriormente ampliarémolo a toda a provincia. Segundo os datos aportados pola Presidente en funcións, na provincia de Lugo hai 24.589 PEMES que teñen entre 1 e 249 asalariados. Só o 30% afronta a sucesión familiar, un tema sobre o que non hai estatísticas porque nunca se tivo en conta. Durante 10 semanas consecutivas os participantes terán sesións conxuntas e consultorías personalizadas in situ nos seus negocios para elaborar as súas propias estratexias de futuro en áreas como a económica-financeira, xurídica, marketing e vendas, fiscal, novas tecnoloxías etc. A Deputación de Lugo correrá con todos os gastos xa que o importante é apostar polos emprendedores da provincia, por afianzar as PEMES –que ademais son maioría na provincia- e ofrecerlles un plan integral a todas esas empresas que se enfrontan a un momento tan complicado como é a sucesión familiar.