Deputación de Lugo

O Deputado de Gandeiría da Deputación explicará o futuro centro de recría da Granxa Gayoso-Castro a gandeiros da FEPLAC

Imaxe deputación de lugo
José María Arias presentará esta xornada na que se abordarán tamén os principais problemas do sector agrogandeiro

O Deputado delegado da Área de Gandeiría e Agricultura da Deputación de Lugo, José María Arias, presentará mañá, xoves, a xornada que manterán no Salón de Actos da Deputación preto de 100 gandeiros da provincia de Lugo que forman parte da Federación de Produtores Lácteos (FEPLAC). No encontro o Deputado exporá as principais liñas de acción do futuro centro de recría que o organismo provincial porá en marcha na Granxa Gayoso-Castro no ano 2009, e que conta cun investimento de 4 millóns de euros. Dentro do obxectivo da Deputación de revalorizar e potenciar o sector agragandeiro da provincia, José María Arias explicaralles que se creará un centro de recría que será pioneiro no eido da investigación, xestión, administración e colaboración para o sector. Neste senso, trasladaralles que a formación de grupos de sustitución tamén será outro dos piares que sustentan este proxecto que busca mellorar a calidade de vida dos gandeiros. No encontro, ademais de coñecer de primeira man o funcionamento do centro de recría que albergará preto de 4.000 cabezas de gando, tamén se abordarán outros temas como a política agraria común europea, facendo especial fincapé na normativa de ampliación da cota láctea, así como na suba de prezo que está a experimentar a alimentación dos animais. Trátase da primeira vez que a Deputación recibe ós membros desta Federación que está integrada por gandeiros de toda Galicia e por socios a nivel nacional. Ademais de prestar asistencia xurídica, a FEPLAC analiza os principais problemas do sector e intenta buscar solucións que van encamiñadas á mellora da calidade de vida dos produtores de leite e á revalorización do produto.