Deputación de Lugo

O Presidente da Deputación asina con 21 Alcaldes os convenios para a roza das estradas provinciais que xestionarán estes Concellos

O Presidente da Deputación asina con 21 Alcaldes os convenios para a roza das estradas provinciais que xestionarán estes Concellos

O Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, e os Alcaldes dos 21 Concellos que este ano asumen por primeira vez a xestión da roza das estradas provinciais asinaron este xoves os respectivos convenios nun acto que tivo lugar no Salón de Plenos do Pazo de San Marcos. Gómez Besteiro dixo que “esta sinatura escenifica unha relación fructífera entre a Deputaicón e os Concellos, como no seu día se fixo co Sistema Provincial de Recaudación. Ó final súmanse cantidades que, sobre todo nos Concellos pequenos, son moi necesarias para o día a día”. O titular da entidade destacou que estes 21 municipios suman 1.348 quilómetros de vías provinciais. A Deputación destina para este convenio 246.000 euros, dos 750.000 que se presupostaron este ano para o desbroce de toda a rede viaria, que supera os 4.000 quilómetros. Os municipios que se sumaron a esta inicaitva son: Becerreá, Begonte, Castro de Rei, Castroverde, Chantada, Foz, Láncara, Monforte de Lemos, Monterroso, Navia de Suarna, Negueira de Muñiz, Ourol, O Páramo, Pedrafita do Cebreiro, A Pontenova, A Pobra do Brollón, Pol, Quiroga, Riotorto, Samos e Sarria. “Neste caso son 21 municipios, pero desexamos que no futuro sexan máis. Confiamos en que así sexa; sempre que se vexa que estas iniciativas son boas e rendibles, como no caso da Recadación, e cantos máis Concellos se sumen, o servizo será máis eficaz”. Descentralización da xestión O máximo responsable provincial indicou que “este discurso tamén vai dirixido ós veciños que con esta descentralización da xestión mellorarán no só a percepción do seu Concello senón tamén a das vías provincias. Ó final no seu termo municipal conflúen unha mistura de vías, e non teñen moi claro quen ten a competencia sobre o estado no que se atopan. O que queren é que as cousas se fagan ben”. Gómez Besteiro dixo que “esta iniciativa, como outras da Deputación, non vai dirixda a solucionar todos os problemas pero si a ser útiles naquelas cousas, moitas pequenas, que sumadas unhas a outras indican a intención de facer unha xestión dirixida fundamentalmente ós Concellos da provincia”. “Este sistema ten que mellorar co paso dos anos. O que vén teremos que ser máis rápidos na posta en marcha deste convenio. Pero isto é cuestión de ter boa vontade e de ir mellorando a xestión día a día”, apuntou o Presidente provincial. Dobre opción A través deste convenio, que partiu da Área de Infraestruturas que dirixe Manuel Martínez e que hoxe acudiu ó acto na súa dobre condición de Deputado e Alcalde de Becerreá, deuse opción por primeira vez ós Concellos a asumir a xestión da roza das estradas que son titularidade da Deputación. Nos outros 46 municipios o organismo provincial contratará directamente os traballos, como viña facendo ata o de agora, aínda que este ano se mellora o sistema porque se contratarán varias empresas. Esto permitirá que o desbroce se faga nun periodo de tempo moito máis curto.