Deputación de Lugo

A exposición sobre a Reserva da Biosfera “Terras do Miño”, presente na Feira de Artesanía de
Outeiro de Rei

Imaxe deputación de lugo
O INLUDES promociona o espazo natural na II edición desta feira que se celebra co motivo das festas patronais do municipio

O INLUDES, organismo autónomo dependente da Deputación de Lugo, promociona a Reserva da Biosfera Terras do Miño na II edición da Feira de Artesanía de Outeiro de Rei que se celebra o día 5 de xullo coincidindo coas festas patronais de dito Concello na honra a Santa Isabel. Deste xeito, os visitantes ademais de apreciar e adquirir pezas da artesanía local e de presenciar as demostracións que realizarán en vivo oleiros das catro artesanías de Galicia (Buño, Niñodaguía, Sober e Bonxe), terán a oportuniade de descubrir a bioxeografía de Terras do Miño, a primeira Reserva declarada en Galicia no ano 2002, a través da exposición “A Reserva da Biosfera Terras do Miño. LIC Parga-Ladra-Támoga. O Programa LIFE-Natureza”. A mostra consta de debuxos e fotografías, así como doutro material audiovisual que amosa o labor realizado polo Instituto de Desenvolvemento Económico e Social en materia de educación ambiental, conservación e xestión do medio natural. A mostra inaugurouse no ano 2005 e desde entón estivo exposta ó público no Museo Provincial de Lugo, no Centro de Interpretación da Lagoa de Cospeito, no Centro de Interpretación Terras do Miño, e nos concellos da Fonsagrada, Vegadeo, Guitiriz, Ribas de Sil, Monforte ou Lourenzá.