Deputación de Lugo

A ÁREA DE CULTURA DA DEPUTACIÓN E A CONSELLERÍA DE MEDIO RURAL IMPULSARÁN A POSTA EN VALOR DA RUTA POÉTICA DE FIZ VERGARA VILARIÑO NO CONCELLO DE SAMOS

Ademais da sinalización e da instalación de varias intervencións artísticas recuperaranse elementos patrimoniais da zona

O responsable da Área de Cultura da Deputación de Lugo, o nacionalista Antonio Veiga, e o Delegado da Consellería do Medio Rural, Emilio López Pérez, visitaron esta mañá o percorrido da ruta poética adicada ao poeta Fiz Vergara Vilariño en Louzara (Samos). O percorrido transcorre dende o lugar de Aira Padrón ata a localidade onde viviu o poeta, Santalla de Louzara. O colectivo cultural Ergueitos ten previsto acometer a sinalización deste percorrido para a súa posta en valor. Neste percorrido existen 13 lugares de referencia do poeta-muiñeiro polos, que cada ano no mes de xuño, se programa un percorrido poético para lembrar a figura do Fiz. Ademais da sinalización instalaranse, nestes 13 lugares de referencia, soportes con poemas de Fiz Vergara Vilariño e 13 creadores lucenses realizarán intervencións artísticas ao longo do percorrido. O proxecto de sinalización e posta en valor do percorrido poético de Fiz Vergara Vilariño, en Louzara, contará co apoio da Área de Cultura da Deputación de Lugo e da Consellería do Medio Rural da Xunta de Galicia. O proxecto, impulsado polo colectivo cultural Ergueitos de Sarria, tamén esta recibindo o apoio do Concello de Samos e de outras entidades. O responsable da Área de Cultura da Deputación de Lugo, o nacionalista Antonio Veiga, destacou a importancia da colaboración entre administracións para impulsar proxectos deste tipo “é fundamental que as institucións colaboren e se poñan ao servizo do entramado asociativo para poñer en valor o noso patrimonio, potenciar este percorrido poético suporá dar a coñecer elementos singulares da riqueza cultural, paisaxística e turística desta zona”. RECUPERACIÓN DE ELEMENTOS PATRIMONIAIS Ademais da sinalización e das intervencións artísticas que se realizarán ao longo deste percorrido recuperaranse varios elementos patrimoniais que neste momento se atopan en estado de abandono. Mellorarase o entorno do muíño de Locai e do muíño casa familiar de Fiz Vergara Vilariño e restauraranse diversas pontes de madeira que permitían o acceso a estes muiños. Acondicionaranse os arredores da Fonte da Cova, lugar que recibe numerosas visitas e que precisa da instalación de algúns elementos para mellorar o accesos e a seguridade dos visitantes. A recuperación e posta en valor desta zona enmarcase dentro das actuacións que o goberno galego, a través da Consellería do Medio Rural, está a realizar nesta comarca para a modernización e posta en valor dos recursos produtivos e turísticos existentes. Hai que lembrar a restauración da Casa Grande de Lusio e a posta en marcha de diversos proxectos produtivos en varios montes veciñais en man común ademais dos acordos entre a Consellería do Medio Rural e a Congregación que rexenta o Mosteiro de Samos para o aproveitamento dos terreos propiedade do Mosteiro.