Deputación de Lugo

A Vicepresidenta Segunda da Deputación asiste ó acto de entrega das Medallas Castelao 2008

Imaxe deputación de lugo
Os galardóns premian ós galegos e galegas que desenvolven un importante labor no eido artístico, literario e humano

A Vicepresidenta Segunda da Deputación, Lara Méndez, asistirá mañá sábado ó acto de entrega das Medallas Castelao 2008, que terá lugar ás 12:15 horas na Igrexa San Domingos de Bonaval en Santiago de Compostela en lembranza ó ilustre escritor galego cuios restos residen no panteón de dito centro relixioso. O acto prodúcese logo de que o Consello da Xunta aprobase o decreto polo que a Administración autonómica distingue ós galegos e galegas autores dunha obra merecente do recoñecemento do seu pobo no eido artístico, literario ou de calquera outra faceta da actividade humana. Deste xeito, o decreto aprobado acorda distinguír ó director de orquestra Maximino Zumalave, á investigadora Paz Andarade e ó debuxante José Luis González Vázquez (“O Carrabouxo”). O Conselleiro de Presidencia, José Luis Méndez Romeu, dará lectura ó decreto polo que se concede este galardón ós tres premiados. Acto seguido, o Presidente da Xunta de Galicia, Emilio Pérez Touriño, será o encargado de pechar o evento que contará tamén coa interpretación do himno galego a cargo do coro Campus Stellae e coa actución musical do grupo Espido, que interpretará dúas pezas ó inicio. Ademais do titular da Xunta, do Conselleiro de Presidencia e da Vicepresidenta Segunda da Deputación de Lugo, o acto contará coa presenza da totalidade dos Conselleiros, o Delegado e os catro subdelegados do goberno, o Alcalde de Santiago, os voceiros parlamentarios, o Valedor do Pobo e representantes do mundo da empresa, banca, sindicatos, entre outras personalidades. Medalla Castelao A Medalla Castelao foi creada en 1984 para conmemorar o retorno a Galicia dos restos de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao, o 28 de xuño dese ano. O decreto de creación deste galardón sinala que a perfección, o simbolismo ou a transcendencia das obras e do labor dos premiados con este recoñecemento debe ser o froito da entrega dunha vida, e o reflexo dun traballo conscientemente realizado con entrega e con fe na cultura, na historia e no ser dun pobo.