Deputación de Lugo

O CENTRAD ofrece un curso no que os asistentes elaborarán unha bandexa única en Polonia

Imaxe deputación de lugo
A construción de bandexas de cul de queixal, celta e de zarzo asturiano completa a oferta do sexto curso de cestería

O Centro de Cestería do río Rato acolle esta fin de semana o sexto curso da programación de cestería do Centro de Artesanía e Deseño da Deputación de Lugo. Durante os días 17 e 18 de maio, os asistentes, ademais de aprender a indentificar os materiais, construirán bandexas de cul de queixal redondas e ovaladas, celtas e de zarzo asturiano empregando como material o vimbio. O obradoiro será impartido polo artesán Carlos Fontales. Trátase de tres pezas de procedencia moi diferente. Deste xeito, a bandexa celta, da que non existe constancia nin documentación da súa elaboración en España, é de orixe polaco e conta cun deseño baseado nos debuxos celtas, característica que lle dá o nome. No caso das bandexas de cul de queixal, de orixe catalana, caracterízanse por ser uns exemplares con deseños actuais, mentres que as de zarzo asturiano, empregadas antigamente para o secado dos queixos, dispoñen dun deseño máis tradicional e unha estrutura que aa converte nun utensilio de fácil adaptación a distintos tipos de mesas. O curso, que consta de 16 horas, impartirase de 10:00 a 14:00 en horario de mañá e de 16:00 a 20:00 horas, en horario de tarde. Consta de 8 prazas e está dirixido a cesteiros, artesáns e ó público en xeral.