Deputación de Lugo

O Presidente da Deputación pregoa as festas de San Lourenzo de Foz

Imaxe deputación de lugo
Gómez Besteiro destaca o seu vencellamento con esta vila da Mariña na que veranea desde hai anos

O máximo responsable provincial anuncia a creación dun distintivo provincial que certifique a calidade das nosas praias e o seu entorno O Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro foi o encargado de pregoar as festas de San Lourenzo do Concello de Foz, nun acto que tivo lugar esta tarde na Casa da Cultura da vila focense. Na súa intervención, Gómez Besteiro destacou o seu vencellamento con este municipio mariñano onde, desde hai anos, pasa parte das súas vacacións e fins de semana. O máximo responsable provincial afirmou que Foz é un exemplo de que Lugo é unha provincia chea de contrastes que paga a pena coñecer e que está a promocionar a Deputación, apostando por un turismo de calidade e o repecto ó medio ambiente. Gómez Beteiro anunciou a creación dun distintivo provincial que certifique a calidade das praias da Mariña e do seu entorno. PREGÓN DO PRESIDENTE DA DEPUTACIÓN, JOSÉ RAMÓN GÓMEZ BESTEIRO Querido amigo e Alcalde de Foz –Pepe Rivera-, membros da Corporación Municipal e da Comisión Organizadora, Autoridades, amigos e amigas... Moi boas tardes!!!! Todos vostedes saben que nestas datas Galicia está no que técnicamente podemos denominar... “festa rachada”. E nós temos a ledicia -e eu engadiría O PRIVILEXIO- de celebrar O SAN LOURENZO. E xa que estamos en familia, permítanme que lles confese que hoxe estou coma na casa porque o San Lourenzo ten un enorme significado para min. Para os que non me coñezan, voulles contar porqué digo isto... Penso que valoramos o que coñecemos. E eu teño a sorte de coñecer a Mariña lucense desde hai varias décadas. Por iso, podo confesarlles que son un namorado deste litoral e, concretamente, da Vila de Foz. E subraio o de VILA porque, como moi ben recorda hoxe Suso do Bahía –o noso cronista-, mañá fará 120 anos da concesión feita pola Raíña Rexente María Cristina que permitiu declarar o noso pobo como Vila. Eu coñezo esta vila porque aquí paso boa parte das vacacións e das fins de semana coa miña familia desde hai moitos anos. Aquí deixei de ser “visitante ou turista” para ser “fillo natural de Foz”, como calquer outro veciño do pobo, cando casei cunha fermosa moza de Bargado, da parroquia de Fazouro, da “casa da muiñeira” –exemplo que foi en vida da hospitalidade desta vila-. Pero, como o tempo pasa para todos..., a miña relación con este pobo costeiro remóntase aínda máis atrás... Era un neno cando, da man dos meus pais, cheguei a Foz ¡¡e vin o mar por primeira vez...!!! Imaxínense o que é iso para un neno do interior... Como dirían moitos dos indianos que levantaron as súas casas en Foz e na Mariña… ¡¡Manda chover na Habana!! Daquela... eu tan pequeno, o mar enoooooorme... Pero xa saben que de pequenos non lle temos medo ás olas nin á agua. ¡De maiores, cámbiache o conto!!! Aquel pícaro do que lles falo... hoxe vai un pouco más maduro e ten a honra de dirixirse a todos vostedes como un veciño máis de Foz. Por iso, este é un momento bonito e emocionante para min, polo que quero comezar dando as grazas á organización por elixirme pregoeiro do San Lourenzo 2008. Quero dicirlles que é unha honra pasar a formar parte do grupo de persoas que pregoaron estas festas de San Lourenzo, que brilan con luz propia. Sempre defendín que o San Lourenzo é unha cita ineludible. Foz é un Concello con carácter e personalidade propia, a chamada “Perla da Mariña”, unha terra turística por excelencia que medra ó amparo do progreso e que, sobre todo, pode presumir de presente e de futuro. É un pobo con historia que se remonta a tempos anteriores á Era Cristiá. Ós feitos voume remitir... Se repetimos as verbas do historiador Amor Meilán dicía... “Foz é unha das cidades establecidas ou fundadas polo ártabros ou posiblemente unha daquelas factorías que no litoral galego estableceron os tartesos cando por aquí arribaron”. ¡¡Qué razón tiña este historiador!! A riqueza do patrimonio deste Concello pódese apreciar en numerosos elementos arquitectónicos… A basílica prerrománica de San Martiño –que ogallá acade esa distinción de Monumento Patrimonio da Humanidade que todos perseguimos- ou o Castro de Fazouro -atopado hai máis de 2.400 anos-. Non só estas construccións forman o legado patrimonial desta terra, pois tamén existen outras referencias importantes da arquitectura relixiosa, civil e da imaxinería... Eu sempre digo que os pobos castrexos e romanos non tiñan “un pelo de tontos”. Por exemplo, as nosas autovías siguen os camiños do vello Imperio, cruzamos aínda polas pontes romanas, a nosa lingua vén do latín... pois estou seguro de que tamén eses pobos xa “veraneaban” e facían os seus negocios en Foz. Da época romana queda o nome desta vila, procedente do vocablo do latín “Fauce”, cunha clara referencia á desembocadura do río, neste caso o Masma, pero tamén o río Ouro -das cuncas nas que posiblemente os romanos, eses grandes enxeñeiros e arquitectos, extraeron tal prezado material-. Continuando nesta liña histórica, non me podo esquecer da localidade de Marzán, concretamente, do lugar coñecido como “Cú do Castro”. Nela atopouse un “torques”, unha das xoias celtas máis prezadas que lles invito a admirar no Museo Provincial da Deputación. Foz foi tamén terra do Mariscal Pardo de Cela, que tiña o seu Castelo da Frouxeira na parroquia de Santa Cilla, un lugar que, para os que non o coñezan, lles ofrece unhas vistas inigualables que permiten divisar o mar e o Valadouro. Así mesmo, a panorámica da ría contémplanse desde o Alto de Mañente -onde un día quedei parado co coche e moito lle agradezo a aquela avaría poder desfrutar dunha paisaxe única-; ou desde o Coto da Lebre -gústame subilo en bicicleta, ¡¡anímolles a probar!!-; ou ver as vistas desde o Pico da Corneria -lugar sacro dos antigos cultos celtas e druídas e que descubrín nun paseo coa miña muller-. Pero son moitas as lendas que envolven a este Concello. En Galicia, non só houbo unha María Pita que defendeu á Coruña dos invasores. Lembra o escritor Trapero Pardo, alá polo 1.700, houbo unha invasión corsaria que foi repudiada polos propios veciños de Foz. Conta este cronista que, diante a ameaza dunha embarcación pirata, a poboación uniuse e conseguiu expulsar ós invasores. Un destes corsarios non puido voltar ó barco e creou unha familia que hoxe ten descendencia neste lugar. Se a hospitalidade é incomparable, pensemos que a nosa vila acolle con agarimo a todo aquel que busca a esencia do turismo: conservación da paisaxe e gastronomía. Temos os mellores produtos do mar, desafiando ós padais máis selectos: lubrigantes, centolos, nécoras, camaróns… pero tamén outros máis modestos que para min son os verdadeiros reis da nosa gastronomía: a sardiña do Bar Chícaro, os chicharros, o bocarte… Se isto o coronamos cun postre delicioso de filloas, orellas e queixos… ¡Qué difícil é falar destas cousas cando falta pouco para a cea!!, eh?? Adentrarse en Foz é facelo nun entorno turístico por excelencia, un emprazamento de gran relevancia nas Rías Altas de Galicia que aínda gañará máis coa próxima apertura de toda a Autovía do Cantábrico. O Alcalde de Foz sempre di que aquí hai mar, praias, patrimonio histórico, monte, natureza, festas… Foz é un exemplo de que Lugo é unha provincia que paga a pena coñecer, un territorio cheo de contrates que estamos promocionando desde a Deputación de Lugo pero apostando polo turismo de CALIDADE e o respecto ó MEDIO AMBIENTE. E parece que xa temos os primeiros froitos... A ONG Greenpeace acaba de publicar o seu informe anual titulado “Destrucción a toda costa” no que denuncia o maltrato do litoral en España. No informe subliña este pedaciño da costa galega como EXEMPLAR E MODÉLICO xa que, fronte á especulación urbanística, destaca polo seu progreso sostible e continuado. E xa que falamos das praias... Iso de que na Mariña sempre chove é un mito. Temos a sorte de gozar dun clima que moitos quixeran e dunha temperatura da agua beneficiada polas correntes do Golfo fronte esas xélidas mareas das Rías Baixas que cortan os pés. ¡¡O da boa temperatura que llo digan a San Lourenzo, o santo que hoxe honramos!! O pobre foi condeado a morrer abrasado. Foi aí cando tomamos nota os de Foz e eliximos un clima más templado. Non si?? Grazas a este clima temos algunhas das mellores praias do mundo. 9 areais naturais salpican os 25 quilómetros que converten a Foz en centro de atracción turística do norte de Galicia. Ata os vecinos dos Concellos limítrofes prefiren Foz. Que llo pregunten ós de Ferreira, ós de Alfoz, ós de Burela... porque Areoura é de Foz. Eles poden utilizala… pero ¡¡con sentidiño!! Desde logo, Foz ten poderío. Desde o organismo que presido estamos poñendo o noso “gran de area”, xa que falamos en termos costeiros. Como Presidente, teño moi claro que a Deputación ten a súa razón de ser cando presta servizos ós concellos para que mellore a calidade de vida dos seus veciños e veciñas. O excepcional patrimonio turístico, paisaxístico e medioambiental da nosa provincia fai de Lugo unha potencia económica. Na Deputación estamos poñendo en marcha o primeiro plan de turismo que “vende” toda a provincia, que pensa no beneficio conxunto; e creamos un programa de visitas institucionais e de interese provincial chamado “km0” que levará visitantes ata o último recuncho de Lugo. Por suposto, TAMÉN A FOZ!! Invítolles a participar en “km0”, a que se informen na web da Deputación, para que todos os vecinos desta provincia podamos presumir de coñecela e, por tanto, de valorala como merece. Temos un novo obxectivo que quero anunciar hoxe publicamente: crear un distintivo provincial que certifique a calidade das nosas praias e do seu entorno, aportándolles valor engadido e apostando polo medio ambiente como motor económico da provincia. Non temos praias, temos paraísos e queremos tratalos como merecen. Se impresionantes son as praias, tamén o son as chuvias de estrelas desta época, coñecidas co nome de Bágoas de San Lourenzo en alusión ó sufrimento do pobre Santo que foi queimado no lume, e que converten a Foz nunha vila aínda máis máxica. Nestas noites o pobo brila con luz propia afrontando un futuro prometedor no que todo é posible. A Deputación de Lugo camiñará da man de Foz como Foz me acompañou durante toda a miña vida. Aínda que a Biblia sitúe ó Paraíso entre os ríos Tigris y Éufrates… eu creo que está entre o Masma e o Celtiño. Para esta persoa que lles fala, o bo da vida é desfrutar das pequenas cousas… “A vaca non é de onde nace, nin de onde pace… é de onde É FELIZ”. E miña familia máis eu somos moi felices en Foz. Por todo isto, MOITAS GRAZAS FOZ, vémonos na festa e, se mo permiten, xa me invito eu para as próximas!!