Deputación de Lugo

A Área de Deportes da Deputación dota de instalacións provisionais a Escola de Piragüismo

Esta iniciativa pretende manter a actividade deportiva na escola facilitándolles aos usuarios o acceso a un vestiario, uns baños e un almacén, mentres se prepara a estrutura do edificio para o arranxo do tellado

A Área de Deportes da Deputación de Lugo puxo ao dispor de todos os usuarios da Escola Lucense de Piragüismo tres casetas móbiles que lles permitirán continuar coa práctica desta actividade deportiva na escola, mentres se preparan as instalacións para a posta en marcha dos traballos de acondicionamento do tellado do edificio. Vestiarios con duchas e baños funcións que cumprirán dúas destas casetas, a terceira usarase como almacén, un espazo onde poder gardar as embarcacións e demais útiles necesarios para a práctica deste tipo de deportes náuticos nos arredores da área recreativa das Saamasas. Cómpre salientar que, a partir do xoves 7 de maio, estas instalacións permanecerán abertas de luns a venres en horario de tarde. As persoas vinculadas á Escola de Piragüismo que estean interesadas en usar estas instalacións provisionais a calquera outra hora terán que solicitalo previamente no Pazo Provincial dos Deportes.