Deputación de Lugo

A Deputación pon a disposición do Concello de Viveiro os reforzos necesarios para o realoxo dos
veciños do Celeiriño

Gómez Besteiro supendeu a axenda protocolaria do día para desprazarse ata o Concello viveirense e coñecer in situ a situación na que se atopa o barrio da localidade mariñana

A Deputación porá a disposición do Concello tres vehículos do parque móbil para facilitar o realoxo dos veciños afectados O Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, desprazouse este venres ata Viveiro para coñecer de primeira man a situación na que se atopa o barrio do Celeiriño logo de que o derrubamento dunha viga obrigase a desaloxar a uns 25 veciños no día de onte. Deste xeito, Gómez Besteiro supendeu todos os actos protocolarios previstos para este día, como a inauguración da Feira Multisectorial Expolugo, a Xunta de Goberno, e as entrevistas concertadas co motivo das festas de San Froilán. Aínda que non é competencia directa da Deputación, o máximo mandatario provincial quixo coñecer in situ a situación que están a vivir os veciños do barrio viveirense. Logo dunha longa reunión de traballo co rexedor municipal, Gómez Besteiro ofreceu o apoio da institución que preside ó seu compañeiro de Corporación, Melchor Roel, para dar unha solución ó problema do que xa advertiu hai meses o Alcalde. A este respecto, o Presidente da Deputación subraiou que “a nosa obriga é respaldar ó Concello de Viveiro e ó Alcalde. O que viñemos a facer é apoiar a este Concello e poñémonos a disposición do que Melchor Roel dispoña”. Logo do encontro co rexedor, o máximo mandatario provincial destacou o gran traballo que está a realizar o Alcalde viveirense para garantir a seguridade dos veciños. Neste senso, Gómez Besteiro sinalou que “como bó Alcalde que é xa está tomando as medidas oportunas. A Deputación respaldarao en todo momento e axudarémolo, xa que a vida das persoas é o primeiro polo que temos que mirar. Logo, a través, dun perfil máis técnico valoraranse as medias oportunas”. Como primeira medida de colaboración, o Presidente da Deputación confirmou que a partir das 17:00 horas de hoxe, poñerase a disposición do Concello tres vehículos do parque móbil da Deputación- un camión e dúas furgonetas- para contribuír e cooperar no desaloxo das pertenencias das persoas afectadas polo derrubamento.