Deputación de Lugo

Nenos de entre 4 e 11 anos visitan o Centro de Interpretación do Miño para coñecer as principais características da Reserva da Biosfera

A actividade continuará durante o calendario escolar con colexios de toda a provincia

A Vicepresidenta Segunda destaca a importancia de que os rapaces estean en contacto co medio ambiente Un grupo de 40 nenos de idades comprendidas entre os 4 e os 11 anos visitaron este luns o Centro de Interpretación Terras do Miño, dependente do Instituto Lucense de Desenvolvemento Económico e Social. Iste é un dos últimos grupos do calendario de verán, sen embargo, segundo anunciou a Vicepresidenta Segunda e reponsable do INLUDES, Lara Méndez, “isto non significa que finalicen as visitas senón todo o contrario. Seguiremos potenciando esta iniciativa durante a época escolar para que todos os colexios da provincia poidan visitar o Centro. Cremos que é de vital importancia que os nenos, desde moi pequenos, se poñan en contacto co medio ambiente e aprendan a valorar a riqueza medioambiental que ten a nosa provincia”. Os rapaces que acudiron hoxe ó Centro de Interpretación Terras do Miño participan nas “Aulas Abertas” que organiza o Concello de Lugo no centro social Uxío Novoneyra eque incluíu esta visita guiada ó Centro e ó entorno do Paseo do Río Rato. Con material didáctico, os técnicos do INLUDES amosaron a estes nenos a calidade ambiental e a riqueza natural da zona, así como a variedade florística, representadas polos bosques da ribeira, árbores centenarias, prantas acuáticas, etc. O obxectivo desta iniciativa é promover o coñecemento e a interpretación do medio natural, cultural e etnográfico máis próximo ós nenos. Ademais, esta iniciativa enmárcase dentro do obxectivo da Deputación, a través do INLUDES, de dar a coñecer este espazo natural, incluído na Rede Mundial de Reservas da Biosfera o 7 de novembro de 2002. Con 363.669 hectáreas, Terras do Miño foi a primeira Reserva da Biosfera declarada en Galicia e unha das máis extensas de España. Abarca o 39% do territorio de toda a provincia e inclúe 26 Concellos: Ourol, O Valadouro, Muras, Alfoz, Mondoñedo, Abadín, Xermade, Vilalba, A Pastoriza, Riotorto, Guitiriz, Cospeito, Meira, Begonte, Rábade, Castro de Rei, Outeiro de Rei, Pol, Lugo, Friol, Castroverde, Guntín, O Corgo, Baralla, O Páramo e Láncara.