Deputación de Lugo

Antonio Gato destaca que “Lugo por fin vai deixar de ser unha provincia insegura” coa adquisición das 5 bombas
nodrizas pesadas

A Xunta de Goberno aprobou a adxudición provisional dos vehículos que irán destinados ós novos parques do Consorcio Provincial de Bombeiros

A Xunta de Goberno da Deputación de Lugo deste luns aprobou a adxudicación provisional da subministración de 5 bombas nodrizas pesadas para o Consorcio Provincial de Bombeiros á empresa VEICAR S.L. A compra dos vehículos suma un total de 966.500 euros, que serán cofinanciados con fondos FEDER, a través da Consellería de Presidencia da Xunta de Galicia. A este respecto, Antonio Gato Soengas subliñou o importante esforzo que está a facer o actual equipo de goberno para dotar á provincia dun servizo ata o de agora inexistente. “A provincia de Lugo vai a deixar de ser unha provincia insegura desde o punto de vista dos incendios e, por fin, vaise equiparar a outras provincias de Galicia como ás de Coruña e Pontevedra, que xa contan con este sistema de extinción de incendios, e que tanta importancia ten hoxe en día. Esto pon de manifesto que o actual equipo de goberno está a traballar a reo para modificar a situación que antes se daba nesta provincia”. Deste xeito, o Deputado da Área de Cooperación cos Concellos amosou a súa sorpresa polas últimas declaracións realizadas sobre este tema polo Alcalde de Barreiros, Alfonso Fuente Parga. Antonio Gato sinalou que “non entendemos a posición deste Alcalde, xa que ata fai pouco o parque barreirense non tiña nin licenza de obra. Por este motivo, e agora que outra Administración lle proporciona un parque de bombeiros para o seu Concello e para parte da Mariña, non é de recibo esta posición, tendo en conta, ademais, que o resto dos parques estarán adxudicados antes de finais de ano”. Os vehículos terán como destino os cinco parques que conforman a rede provincial de bombeiros: Barreiros, Sarria, Chantada, Vilalba e Viveiro. Asimesmo, entregaranse, como prazo máximo, a finais do mes de novembro. Parque móbil A Xunta de Goberno aprobou a adxudicación provisional dun vehículo para o parque móbil da Deputación, que estará destinado á Presidencia. Neste senso, Antonio Gato, en resposta ás últimas declaracións do Partido Popular, explicou que na mesa de contratación, celebrada o 31 de xullo, houbo un representante do PP que votou a favor da contratación do vehículo. As últimas declaracións dos populares amosan unha certa hipocresía que raia o cinismo político. Ademais, agora nas mesas de contratación está representada a oposición, algo que antes non acontecía”. Para Gato Soengas a actitude dos Populares denota “falta de seriedade e un certo grao de cinismo, xa que o novo coche é o que teñen nas grandes institucións públicas galegas e na Administración do Estado”. Asimesmo, o Deputado da Área de Cooperación cos Concellos matizou que “a adquisición deste vehículo responde a un proxecto de renovación do parque móbil que antes non había e adquírese mediante un concurso público e un proceso de total transparencia”. Plans de seguridade Ademais, aprobáronse cinco plans de seguridade e saúde dos traballos de roza en 38 Concellos dos 45 nos que o organismo provincial contrata directamente este servizo. Gato Soengas subliñou que “son Concellos que aínda non se adheriron ó convenio da Deputación. De tódolos xeitos, espero que se sumen en próximas anualidades, xa que a roza é máis efectiva se se controla a pé de obra e os Concellos, así como os responsables son os coñecedores da situación das vías provinciais”. Neste senso, ratificouse os plans correspondentes ás zonas 1 (O Vicedo, Viveiro, Xove, Cervo, Muras, O Valadouro, Alfoz, Mondoñedo, Barreiros, Lourenzá, Trabada e Ribadeo), 3 (Paradela, Antas de Ulla, Palas de Rei, Friol, O Incio, O Corgo, Guntín e Portomarín), 4 (Baralla, As Nogais, Cervantes, Triacastela e O Courel), 5 (Baleira, A Fonsagrada, Ribeira de Piquín, Meira e Pastoriza), e 6 (Abadín, Xermade, Vilalba, Guitiriz, Rábade, Lugo, Outeiro de Rei e Cospeito). Outros acordos da Xunta de Goberno A Xunta de Goberno aprobou a reforma do proxecto da obra de captación, bombeo e depósito para o abastecemento de auga a Mourillón e Touville, no Concello de Láncara. Antonio Gato indicou que “a reforma da obra, incluída no POL 2006, non supón ningunha modificación do prezo de adxudicación. A única novidade é a mellora técnica que se realiza. Agora comunicarase a decisión ó Concello e ás empresas adxudicatarias”. Asimesmo, a Xunta de Goberno deu o visto e prace á prórroga do convenio de Internet Rural no que se refire ó servizo de mantemento e conectividade prestado pola empresa RED.ES para os telecentros nos que xa concluiu o periodo de vixencia de dito acordo. Antonio Gato destacou que “a prórroga do contrato afecta a 37 telecentros dos Concellos da provincia e a Deputación destinará a esta iniciativa 46.978 euros”. O último punto da orde do día contemplaba a aprobación da resolución do Xurado Provincial de Expropiación dunha obra no Concello da Pontenova, incluída no POL 2006. As expropiacións corresponden ós traballos de ensanche e mellora do punto quilométrico 3,500 ó 5,00, na estrada provincial Xinzo-Navallo-Pontesoutelo.