Deputación de Lugo

A Deputación de Lugo pon a disposición dos Concellos un equipo técnico para asesoralos na tramitación do Fondo Extraordinario

19 traballadores formarán parte do proxecto que se inclúe dentro da segunda medida do plan creado voluntariamente pola Deputación e que complementa ó Fondo Estatal de Investimento Local

Gómez Besteiro anunciou que a Deputación creará unha encomenda para que SUPLUSA tamén sexa parte implicada no proxecto, logo de que se aprobase por unanimidade a proposta no último Consello de Administración da Sociedade O Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, presentou este venres o equipo técnico encargado do asesoramento que a institución provincial prestará ós Concellos para a tramitación do Fondo Extraordinario dotado con preto de 1.500.000 euros e complementario ó Fondo Estatal de Investimento Local. A institución provincial porá a disposición dos municipios unha persoa como mínimo por cada departamento, de tal xeito que o grupo de traballo encargado da tramitación do Fondo estará formado por 19 funcionarios. Destes, 8 corresponden ó Servizo de Cooperación cos Concellos e os demais a outros servizos da Deputación: Intervención, Urbanismo e Arquitectura, Informática, Recursos Humanos, Infraestruturas, Contratación e Fomento, Secretaría Xeral, etc. Gómez Besteiro destacou que “haberá, por tanto, un núcleo principal que asumirá a maior parte do traballo, xa que poden xurdir dúbidas tanto sobre a interpretación do que se financia como das diferentes obras. É un plantel do mellor que temos na Deputación, sen lugar a dúbida. Non só se vai facer obra pública de enxeñería, senón tamén de deportes, turismo, etc. En definitiva, todas as áreas que son financiables por este fondo van requerir asesoramento. Neste momento que é extraordinario tamén temos que aportar unha solución extraordinaria”. O titular provincial lembrou que esta é a segunda medida que se inclúe dentro do Fondo extraordinario creado voluntariamente pola Deputación. “Un fondo extraordinario que completenta o financiamento do Ministerio de Administracións Públicas, que será o ente que xestione o Fondo de 8.000 millóns de euros para toda España e máis de 62 millóns para a provincia de Lugo. O Fondo provincial permite acceder ós Concellos a unha parte que non cubría esa axuda e non queriamos correr o risco de que algún municipio quedase sen cartos e non pudiera presentar proxectos que serán financiados con este fondo extraordinario”. Colaboración de SUPLUSA Outra das novidades é que a Sociedade Urbanística Provincial tamén será parte implicada no Fondo extratéxico creado voluntariamente pola Deputación. Deste xeito, e co obxectivo de axilizar as obras, SUPLUSA tamén prestará asesoramento no referido á documentación que os Concellos solicitantes deben presentar para acollerse ó plan. Para isto, e tendo en conta que a Sociedade é unha entidade con entidade xurídica propia, a Deputación ten que crear unha encomenda a favor da mesma para que SUPLUSA poida desenvolver este labor. A enconmenda levarase ó Pleno que se celebrará este mes, o día 30. “No último Consello de Administración de SUPLUSA adoptouse por unanimidade dos asistentes este acordo e así pechamos o ciclo que lle ofrecemos ós Concellos. Por un lado, financiamos os proxectos e, por outro, prestamos asistencia para calquera dúbida contando tamén coa colaboración da Sociedade”. O máximo mandatario provincial indicou ademais que tamén se quere contar coa participación de axentes sociais da provincia. “Queremos que colaboren e sexan parte implicada neste proxecto. Para iso, teremos varias reunións con administracións, colexios profesionais e empresas co fin de que estes sexan mediadores na tramitación do Fondo Extraordinario, xa que non podemos esquecer que o Fondo Estatal tamén está destinado á creación de emprego”.