Deputación de Lugo

Antón Bao inaugura a IX Edición da Feira da carne ao caldeiro de Castro de Carballedo

Imaxe deputación de lugo
O viño da Ribeira Sacra e o pan e o queixo da zona completaron a oferta gastronómica deste festexo ao que asistiron unhas 3500 persoas segundo informou a organización do evento

O vicepresidente primeiro da Deputación, Antón Bao, inaugurou este domingo a novena edición da Feira da Carne ao Caldeiro de Castro de Carballedo que organiza a Asociación de Veciños O Bubaíño. Ao acto tamén asistiron o director en funcións da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural e profesor da Universidade de Santiago de Compostela (USC), Edelmiro López Iglesias, e a presidenta da asociación organizadora, Asunción Gómez Neira, quen aproveitou a ocasión para agradecer o esforzo realizado e o traballo desenvolvido por todos os socios e veciños nesta última feira e o apoio prestado pola Vicepresidencia Primeira da Deputación de Lugo. Na súa intervención, Antón Bao felicitou os integrantes da Asociación de Veciños O Bubaíño polo traballo realizado en prol da conservación dun festexo cunha enorme tradición na comarca, que potencia con acerto os produtos gastronómicos da zona. Logo disto, Antón Bao lembrou que calquera entidade cultural que poña en marcha iniciativas semellantes á levada a cabo en Castro de Carballedo contará co apoio e a axuda incondicional da Deputación de Lugo. Tras a súa intervención,o director en funcións da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Edelmiro López Iglesias, leu o pregón no quen recorreu ás lembranzas da súa infancia para falar dun dos produtos gastronómicos da zona por excelencia, a carne ao caldeiro. Deste xeito, o pan de Castro de Carballedo, o viño da Ribeira Sacra e o queixo da zona foron xunto á carne ao caldeiro os produtos gastronómicos estrela desta última edición dunha das feiras con maior sona das comarcas do sur de Lugo. A maiores, os visitantes puideron gozar de máis dunha ducia de postos nos que atopar pezas fabricadas case na súa totalidade e de xeito manual -con materiais coma o coiro, a pedra, a madeira, o esmalte ou o papel- polos membros Asociación de Artesáns de Monforte de Lemos. Con todo, o vicepresidente primeiro da Deputación de Lugo interesouse polo material exposto nunhas das casetas na que un veciño da zona chamado Alejandro amosaba as “coirazas” (carapuchas de palla) que el mesmo fabrica. Tras unha pequena conversa, Antón Bao instou o artesán a instruír aos máis novos no oficio ao tempo que resaltaba a súa paciencia e bo facer para pór a venda unhas pezas tan ben logradas. Ao remate do xantar, a presidenta da Asociación de Veciños O Bubaíño, Asunción Gómez Neira, amosouse satisfeita co resultado de público obtido nesta última convocatoria e cifrou o número de asistentes “nunhas 3500 persoas aproximadamente en nuns 1200 quilos a cantidade carne ao caldeiro servida”. Logo disto, Gómez Neira salientou que a oferta cultural desta feira se completa coa exposición etnográfica da Asociación Barcas do Miño que se poderá visitar ata o vindeiro martes 21 de abril no segundo andar da antiga casa consistorial (actual oficina de turismo municipal).