Deputación de Lugo

Km0 supera todas as expectativas e acada preto de 6.000 persoas na 1ª fase

A Deputación ratifica que o medio ambiente pode ser unha oportunidade económica para a provincia

Gómez Besteiro destaca que “había fame de coñecer Lugo”, xa que máis de 350 colectivos están a esperar a súa vez para participar Con este Programa o organismo provincial contribúe a manter 3.000 postos de traballo, directos e indirectos, en sectores como a hostelería, a industria ou o turismo Rutas de aventura, do Camiño de Santiago e produtos autóctonos dos Concellos incluídos nas Reservas da Biosfera e do Courel, principais novidades da segunda fase de Km0 O Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, participou este luns nunha visita guiada ó conxunto arquitectónico de San Alberte, en Guitiriz, dentro do programa Km0. Deputación de Lugo. A viaxe incluíu un percorrido a pé polo tramo da Ruta da Costa do Camiño de Santiago e unha visita ás canteiras de granito de Parga. O Programa arrincou o 2 de setembro de 2008 e finalizará o 30 de xullo deste ano. Gómez Besteiro lembrou que “é un programa totalmente pioneiro en España. Cando rematemos a primeira etapa, 5.775 persoas coñecerán a fondo a nosa provincia, as Reservas da Biosfera, as industrias, as empresas, ou os comercios grazas a Km0 e ás 135 visitas que organizamos desde aquí”. Ata hoxe participaron na iniciativa unha vintena de colexios e máis de 90 asociacións de toda a provincia. Este Programa demostrou que o medio ambiente pode ser unha oportunidade económica para a provincia de Lugo”. O máximo mandatario provincial subliñou que, froito do éxito acadado, a iniciativa foi respaldada pola Unión Europea a través do programa Lug02, “financiando e aforrando á Deputación”. Gómez Besteiro sinalou “queriamos que a Deputación fose útil para a provincia. Nós queriamos unir á provincia e cumprir 3 obxectivos: que vostedes se sentisen orgullosos de ser lucenses; impulsar a economía e o comercio local; e que coñecesen o traballo da Deputación de Lugo”. Con este Programa, a institución provincial contribúe a manter 3.000 postos de traballo, directos e indirectos, en sectores como a hostelería, a industria (visitas a conserveiras ou queixerías), o turismo (a través das guías medioambientais, entrada a museos, etc), o motor (autobuses, gasolineiras), a gastronomía (coa degustación de productos autótonos, vista a adegas, comidas de Km0 en restaurantes da provincia, etc). Malia que os participantes soen ser persoas da terceira idade e rapaces con idades comprendidas entre os 4 e os 16 anos, Km0 foi atractivo tamén para colectivos como Proxecto Home, ASPNAIS, inmigrantes de Sarria, reclusos de Bonxe, amas de casa, autónomas da provincia, membros do centro penitenciario Concepción Arenal, 4º ciclo da Universidade, etc. Km0 é o resultado do traballo en equipo e demostra que a Deputación pode ser útil, xa que este esforzo non o pode facer un Concello por si mesmo. O titular provincial subliñou que “aínda que require un grande esforzo, ó final é gratificante saber que, por exemplo, grazas a esta iniciativa nenos do Colexio Cervantes de Lugo viron por vez primeira o mar ou que un patrón de pesca que quixo conducir o catamarán, quedou abraiado como estaba coa beleza da Ribeira Sacra. Distintas anécdotas que amosan que ó final pagou a pena”. Proba do éxito do Programa é que máis de 350 colectivos están a esperar a súa vez para participar, ademais das 1.000 persoas que, individualmente, tamén solicitan participar, “por tanto, había fame de Lugo”. A capacidade de convocatoria foi tal que 2 meses despois de comezar Km0 xa estaba ocupado o 99% das prazas de toda a temporada. Ademais, temos ducias de solicitudes de participantes doutras cidades como Ourense, Santiago e A Coruña”. O máis valorado Por ampla maioría os participantes votaron como “moi satisfactorio” nos cuestionarios que se cubren ó final da visita. Entre as cuestións que máis destacan está o feito de ser recibidos na Deputación e polo seu Presidente, xa que a maioría recoñece que nunca pisara este Pazo. Tamén valoran que lles permite redescubrir a súa provincia, “dado que moitos nunca estiveron alí onde os levamos”; acada notas moi elevadas o deseño global da ruta, que ofrece unha visión moi completa, dinámica e divertida da provincia; así como o feito de poder degustar produtos autóctonos. Dentro das rutas máis solicitadas atópanse as que que teñen como destino a Mariña, sobre todo a zona de Viveiro, e a Ribeira Sacra que inclúe a viaxe en catamarán por Amandi e os canóns do Sil. Con todo, nos últimos meses, a xente comeza a decantarse tamén polo Courel. Asimesmo, polo que se refire ós centros dependentes da Deputación, o que máis solicitan é o Centro de Artesanía e Deseño, o Mazo de Santa Comba e o Centro de Interpretación Terras do Miño. “Con isto demostramos que ata o de agora a provincia era a gran descoñecida. De feito, son moitos os que nos comentan: pensabamos que a Deputación só facía carreteras”. Segunda etapa Km0 Baixo a premisa de “non queremos morrer de éxito”, Gómez Besteiro adiantou que a segunda etapa de Km0 comezará o próximo 1 de setembro cunha gran novidade: duplícanse as viaxes (ata 270) e a Deputación ponen en marcha 47 rutas máis, ofertando novas facianas da provincia, que complementan as 88 existentes. É dicir, amplíase o número de itinerarios ata 135. Cando remate o ano 2010, superaranse as 22.000 persoas, tal como establece un dos indicadores de Lug02. A nova etapa de Km0, incluído no Lug02, terá un orzamento de 600.000 euros, cofinanciados con fondos FEDER: 70% Europa e o 30% restante a Deputación. “O que facemos é reinvertir os cartos, xa que o medio ambiente tamén pode ser unha oportunidade económica para a empresas da provincia. O que se trata é de que a xente repita pola súa conta, que coñeza a provincia, que merque os productos autóctonos de Lugo e que se sintan orgullosos de ser lugueses”. Novas rutas e produtos autóctonos Entre as novidades máis destacadas desta estapa está o Km0 Xtrem: 12 novas rutas de aventura. Ademais, a Deputación adiántase ó Xacobeo coas rutas dos 4 Camiños de Santiago que atravesan a provincia. Será 25 rutas que cubrirán todos os camiños: o do Norte, o Primitivo, o Francés e o Camiño Sur. Asimesmo, substituirase o material promocional das rutas por lotes de produtos autóctonos. Elaboraranse 14.000 “packs” formados por produtos autóctonos dos distintos Concellos incluídos nas Reservas da Biosfera e na comarca do Courel. “Con isto damos un pulo a economía dos autónomos da provincia. Queremos promocionar e favorecer o intercambio comercial e difundir a variedade de produtos que se xenera nestas localidades e que, moitas veces, son descoñecidos pola propia poboación pola ausencia de difusión”, apuntou Besteiro. Respondendo á demanda dos participantes elaborarase unha guía Km0, a primeira destas características, que incidirá nas Reservas da Biosfera, nos distintos Concellos que as forman, nos puntos de interese medioambiental e nos servizos que dispón cada rincón das Reservas e da Comarca do Courel. “Ademais, detallará ruta por ruta para achegar a riqueza natural da provincia ós cidadáns. En principio, publicaremos 4.000 unidades”.