Deputación de Lugo

O Presidente visita as obras da estrada do Seoane-Hospital nas que a Deputación leva investidos 1,5 millóns de euros

Gómez Besteiro destacou que “cumprimos o compromiso asumido cos veciños hai un ano e puxemos a funcionar unha estrada que levaba 10 anos empantanada”

En marzo rematarán as obras de asfaltado do último treito ampliado O Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, visitou esta mañá as obras de asfaltado que se están a realizar na estrada CP-1301 de Seoane ó Hospital. Acompañado polo Deputado da Área de Infraestruturas, Manuel Martínez, e o Alcalde de Pedradita, José Luis Raposo, Gómez Besteiro destacou que a Deputación leva investidos preto de 1,5 millóns euros na ampliación e mellora desta estrada que comunica os Concellos de Folgoso do Courel e Pedrafita. “Esta obra estaba empantada desde hai 10 anos, e tiveron que chegar os socialistas para desbloqueala e poñela a funcionar”. O máximo responsable provincial que, pouco despois da súa toma de posesión, comprobou in situ os graves problemas que presentaba esta vía, subliñou que “o compromiso que asumimos hai un ano cos veciños do Courel e da Montaña luguesa está cumprido. Esta é unha estrada estratéxica para as comunicacións da zona e agora pode circularse por boa parte dela con seguridade e fluidez. En definitiva, temos unha estrada de primeira para unha zona de primeira”. Pola súa banda, o Alcalde de Pedradita, José Luis Raposo, dixo que “tivo que chegar un goberno socialista para dar solución a esta vía, pero non é un caso único, porque hai moitos outros, como en Navia ou Cervantes. A Deputación está a realizar moitas actuacións na Montaña, pero son obras de calidade e non trapalladas, coma antes”. Na visita tamén participaron varios veciños da zona que agradeceron ó apoio e o esforzo realizado pola Deputación xa que antes estaban incomunicados e tiñan que dar un grande rodeo. Obra estratéxica Esta vía, que tiña unha plataforma de 5,5 metros pasa agora a ter 8 metros de ancho. Neste momento estanse a realizar os traballos de asfaltado do último treito ampliado, entre os puntos quilométricos 1,7000 ó 4.000. Estas obras corresponden a un POL 2006 e teñen un presuposto de 240.000 euros. As obras, que inclúen aglomerado en quente, sinalización horizontal e a colocación de biondas e estarán rematadas a mediados de marzo, polo que esta importante estrada da Montaña terá unhas condicións axeitadas para a circulación dos veciños da zona e dos visitantes que se acheguen a zona. Desde que chegou o actual equipo de goberno, a Deputación investiu nesta estrada 1.424.982 euros distribuídos en 4 proxectos de ampliación e asfaltado.