Deputación de Lugo

A Deputación facilitará a inserción laboral a 1.000 parados lucenses con 72 novas accións formativas remuneradas

- O Presidente anunciou a incorporación de cláusulas para velar polos dereitos dos docentes, garantindo que reciban unha retribución mínima de 30 euros/hora, valorando positivamente ás empresas que a superen e excluíndo directamente ás que non a respecten - Logo de que a Xunta rexeitase a proposta da Deputación de incluír cláusulas sociais nos contratos e despois do anuncio de onte de incorporalas, Gómez Besteiro salientou que “utilizando un eufemismo, Feijóo acepta o que negou no Parlamento” - Os beneficiarios do plan,  que deberán estar inscritos no INEM, recibirán durante a formación, centrada na prestación de servizos de carácter social, unha axuda económica duns 400 euros ó mes, equivalente ó 75% do IPREM

O Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, acompañado pola Vicepresidenta Segunda, Lara Méndez, anunciou hoxe a aprobación de 72 accións formativas do Pacto Provincial polo Emprego II,  por valor de 1,5 millóns de euros, cofinanciados nun 80% por fondos europeos. Este programa facilitará a inserción nas profesións máis demandadas no mercado de traballo a 1.005 parados lucenses, e a súa participación estará remunerada por parte da Deputación.

Gómez Besteiro destacou que “a creación de emprego na provincia é a nosa obsesión. Lugo ten a día de hoxe 26.294 parados que merecen unha resposta eficaz por parte da administración que ten a competencia directa, a Xunta de Galicia. A única resposta recibida dende o 2009 foi o recorte de case 240 millóns de euros en políticas activas de emprego, polo que esta Deputación está a intensificar a súa loita contra o paro”.

Esta nova edición do Pacto provincial polo Emprego, ó igual que as anteriores, está destinada ós desempregados de todos os Concellos da provincia agás o de Lugo, que xa conta co seu propio Pacto. O único requisito será, que tan só deberán cumprir o requisito de estar inscritos no INEM. Os 1.005 beneficiarios desta acción recibirán formación teórica nas profesións con máis futuro para, posteriormente, realizar prácticas en asociacións e empresas lucenses recibindo, durante todo o proceso, unha remuneración económica.

A formación do Pacto Provincial polo Emprego está dirixida a todos os desempregados da provincia e, en especial, ós pertencentes a determinados colectivos que sofren máis dificultades á hora de acceder ó mercado de traballo, como é o caso dos maiores de 45 anos; parados de longa duración; persoas con minusvalías físicas ou psíquicas, ou vítimas de maltratos.

Lara Méndez destacou que esta iniciativa é posible grazas á boa xestión dos fondos europeos realizada pola Deputación, que permitiu incrementar o presuposto para este proxecto dos 3,5 millóns dispoñibles inicialmente ós 4,1 millóns finais, tras conseguir que a Unión Europea premiara á institución provincial coa concesión de 600.000 euros procedentes de remanentes o pasado mes de setembro. Este orzamento fai do Pacto Provincial polo Emprego II o proxecto que acadou máis financiamento en Galicia na última convocatoria do Fondo Social Europeo.

Protección dos dereitos laborais
O máximo responsable provincial quixo destacar outro dos aspectos novidosos do Pacto provincial polo Emprego II: a defensa dos dereitos dos traballadores que impartirán a formación, de xeito que os beneficiarios non só aproveitarán unha formación de calidade, senón que os docentes tamén verán protexidas as súas condicións laborais. Así, estas cláusulas sociais garantirán, entre outras, a obriga de que os formadores reciban unha retribución mínima de 30 euros/hora, valorando positivamente ás empresas que aseguren retribucións superiores e excluíndo directamente ás que non respecten este mínimo.

Gómez Besteiro salientou que “utilizando un eufemismo, Feijóo acepta o que negou no Parlamento”, logo de que a Xunta rexeitase no Parlamento, o pasado mes de abril, a proposta da Deputación de incluír cláusulas sociais nos contratos e Núñez Feijóo anunciara onte que finalmente as incorporará. O Presidente salientou que “este camiño, ó que a Xunta de Galicia se resistía e, quero entender, vai iniciar, aínda que chamándoo doutra maneira, é a realidade que a Deputación impuxo. Non importa quen sexa o pai da iniciativa, senón controlar, verificar e promocionar o respecto dos dereitos dos traballadores, sen eufemismos de ningún tipo”, sentenciou o Presidente.

Formación remunerada
Gómez Besteiro destacou que os participantes recibirán “formación teórica e práctica en recoñecidas empresas e asociacións da provincia, recibindo durante todo o proceso unha axuda económica equivalente ó 75% do IPREM, é dicir, uns 400 euros mensuais”. O Presidente avanzou ademais que, unha vez iniciado o proceso de contratación, o INEM fará unha primeira selección dos currículos que máis se adapten e a Deputación realizará entrevistas curriculares ós seleccionados, de xeito que os 1.000 lugueses que superen o proceso, “comezarán a formación a mediados do mes de setembro”.

Os interesados en participar terán á súa disposición 72 accións formativas centradas en potenciar a prestación de servizos de carácter social, os chamados empregos brancos, vinculados coa atención sociosanitaria e a dependentes, un sector que, segundo un informe do Ministerio de Traballo, xerará 200.000 empregos hasta 2015 en España. “Deste xeito, ofrecemos unha formación especializada que facilita a futura inserción laboral dos participantes ó tempo que potencia os servizos sociais fronte ó desmantelamento que estes están a sufrir”, subliñou o Presidente.

72 accións formativas
Méndez detallou cal será ó contido dos cursos, dos que se celebrarán varias edicións. Entre estes, 38 sobre atención sociosanitaria a persoas dependentes en domicilio ou institucións sociais; 3 sobre transporte sanitario; 6 sobre limpeza e hixiene de superficies e mobiliario; 11 sobre operacións básicas de cociña e 9 sobre asesoramento na función xerencial e no autoemprego para a creación de empresas.