Deputación de Lugo

Ábrese o prazo de inscrición no VII Curso a Arte Galega que organiza o Museo Provincial de Lugo

Aurelia Balseiro sinalou que este curso pretende dar unha visión actual da arte en Galiza, poñendo especial énfase nas manifestacións existentes en Lugo e nas dependencias do museo que ela dirixe

A directora do Museo Provincial de Lugo, Aurelia Balseiro, presentou este xoves o VII Curso A Arte Galega, acompañada polo técnico de difusión do museo, Fernando Arribas Arias, quen coordinou o proxecto xunto á profesora da Facultade de Humanidades do campus de Lugo da USC, Ana Goy Diz. As dependencias do Museo Provincial acollerán a sétima edición deste curso que terá lugar entre os días 20 e 24 de abril. Na súa intervención, Aurelia Balseiro salientou que a posta en marcha deste novo curso pretende dar unha visión da arte galega, dende o Paleotítico ata os tempos actuais, poñendo especial incidencia nas manifestacións artísticas existentes en Lugo e, concretamente, no Museo Provincial de Lugo. Tal e como comentou a directora do museo, este ano desenvolverase a segunda parte dun taller dedicado ao barroco, “un estilo artístico cunha grande incidencia en toda a nosa xeografía”e que leva por título “O Barroco en Galiza: A Súa Relevancia Na Provincia de Lugo: A Forza das Imaxes”. A maiores, a responsable do Museo Provincial de Lugo recalcou que no curso participan profesionais e estudosos cunha ampla traxectoria profesional neste eido como son o catedrático de Historia da Arte da Universidade de Santiago de Compostela, José Manuel García Iglesias, a catedrática de Literatura Española da Universidade da Coruña, Sagrario López Poza, os profesores titulares de Historia da Arte da Universidade de Santiago de Compostela, Ana Goy Diz, José Manuel López Vázquez, Juan Monterroso Montero, Rosa Cacheda Barreiro e Enrique Fernández Castiñeiras, os historiadores Ana Diéguez Rodríguez e Leopoldo Fernández Gasalla, o director do Museo de Pontevedra, Carlos Valle Pérez e os doutores Rosa Vázquez Santos, Francisco Xabier Louzao Martínez, Yayoi Kawamura e Ramón Villares Paz. Un crédito de libre configuración para os alumnos da USC, UDC e UV Pola súa banda, o técnico de difusión do Museo Provincial de Lugo e tamén coordinador das xornadas, Fernando Arribas Arias, asegurou que este é un “curso único en Galiza”, ao tempo que destacaba que a inscrición no curso é totalmente gratuíta e que, ademais, se solicitou a súa validación por un crédito de libre configuración para os alumnos e alumnas de todas as titulacións das tres universidades galegas, a USC, a UDC e a UV. Cómpre destacar que o prazo de matrícula estará aberto ata o vindeiro 17 de abril e, esta poderá realizase a través da páxina web do Museo Provincial de Lugo (http://www.museolugo.org/). Con todo, convén salientar que se ofertan un total de 80 prazas que se cubrirán por rigorosa orde de inscrición. O Museo Provincial de Lugo organiza este curso, a través do seu departamento de Difusión, en colaboración coa Facultade de Humanidades do Campus de Lugo da Universidade de Santiago de Compostela.