Satisfacción no equipo de goberno da Deputación pola adxudicación do primeiro treito da A-56 que enlazará
Lugo con Ourense
![Imaxe deputación de lugo](/sites/deputacionlugo.org/files/default_images/depulugo001.jpg)
A Presidenta da Deputación en funcións, Lara Méndez, amosou este mércores a satisfacción do equipo de goberno da Deputación pola adxudicación das obras do primeiro treito da A-56, autovía que enlazará as provincias de Lugo e Ourense. Os traballos adxudicados polo Ministerio de Fomento á empresa Vías y Construcciones corresponden ó treito San Martiño (Ourense)-A Barrela (Carballedo). Deste xeito, Méndez sinalou que se trata dunha noticia de grande importancia para a provincia. Xa destacamos en moitas ocasións a necesidade de vertebrar Lugo co resto das provincias galegas. Este é un paso máis que dá a Administración Central e que permitirá dar cobertura a unha necesidade da provincia e moi demandada polos veciños. O Ministerio de Fomento destina 32,2 millóns de euros ó proxecto deste treito da vía de alta capacidade de 8,8 quilómetros. Para Lara Méndez esta actuación, xunto co resto das infraestruturas previstas para a provincia neste eito, contribuirá a que Lugo quede nunha situación privilexiada e vertebrada de norte a sur e de leste a oeste. Este é o primeiro treito que se adxudica da A-56. Neste senso, a Presidenta en funcións subraiou que o resto xa están en fase de redacción do proxecto. Este é, sen dúbida, un paso máis que marca a implicación que ten o Goberno Central coa provincia de Lugo. A valoración que facemos desde a Deputación é totalmente positiva, xa que como entidade provincial o que nos interese ó final é o beneficio da provincia.