Deputación de Lugo

A Deputación de Lugo acolle a reunión da Confederación Galega de Asociacións Veciñais

Gómez Besteiro recibiu a 22 representantes de COGAVE que mantiveron unha xuntanza no Pazo de San Marcos

O Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, recibiu este sábado a 22 membros da Confederación Galega de Asociacións Veciñais (COGAVE), que mantiveron unha xuntanza no Pazo de Marcos. Gómez Besteiro destacou que o acto é un exemplo da nova forma que ten o novo equipo de goberno de entender a Institución. “Dicíao a pasada semana na primeira reunión que tivo a Comisión de Deputacións, Cabildos e Consellos Insulares das FEMP fóra da súa sede en Madrid e que se celebrou en Lugo. Nesta xuntanza aprobouse a “Declaración Lugo”, un documento aprobado por unanimidade e histórico no mundo do municipalismo”. COGAVE está formada por 400 representantes das Federacións Veciñais de Galicia. O obxectivo fundamental desta organización é a defensa dos intereses veciñais e dos veciños, en especial a dos colectivos máis desfavorecidos, como son os da muller, infancia, familia, xuventude. O máximo mandatario provincial explicou que na situación económica actual “non podemos eludir a nosa responsabilidade. O noso deber é prestar un servizo de calidade ós Concellos que doutro xeito e, por sí sós, non poderían afrontar, así como colaborar cos veciños. Isto demostra que a Deputación de Lugo ten que ser un valor engadido para os municipios e, como consecuencia, para as persoas que viven en cada un dos Concellos desta provincia”. Gómez Besteiro incidiu na importancia do papel das Deputacións nun Estado como o noso, no que existen máis de 8.000 municipios. “Somos administracións intermedias que, como di a palabra, mediamos no desenvolvemento daqueles Concellos que presentan maiores dificultades. Cooperar cos Concellos é facelo cos veciños. Estou seguro que esta mesma filosofía baseada no diálogo e o entedemento vai marcar a reunión de COGAVE”. Recepción Oficial O Presidente da Deputación recibiu á comitiva no Salón de Xuntas do Pazo de San Marcos. Na quenda de agasallos, Gómez Besteiro recibiu un obsequio cun escudo de Lugo por parte do Presidente da Federación de Asociacións Veciñais luguesa, Jesús Vázquez. Asimesmo, o responsable provincial entregou ós integrantes da comitiva insignias de ouro da Deputación.