Deputación de Lugo

A Deputación abre unha investigación á Fundación de Tor ante presuntas irregularidades económicas

O Presidente do organismo provincial esixe explicacións pormenorizadas sobre o anuncio de embargo contra a Fundación, as talas de árbores masivas e o destrozo dos camiños supostamente derivado do paso da maquinaria pesada utilizada na deforestación.

Gómez Besteiro ponse á disposición da Fiscalía “para chegar ata o final” deste entramado e non permitirá que se lesionen os dereitos dos lucenses nin que “se menoscabe o patrimonio que cedeu no seu día a Deputación de Lugo”. O Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, anunciou que o organismo provincial abriu hoxe unha investigación á Fundación do Centro Superior Cinexético e Piscícola de Galicia ante presuntas irregularidades económicas. Dita Fundación foi creada no ano 2003 polo anterior Presidente da Deputación, Francisco Cacharro, e por José Manuel Barreiro cando fora Conselleiro de Medio Ambiente, pero a día de hoxe non está dirixida por ningunha das dúas administracións. Gómez Besteiro explicou as “tres alarmas que nos obrigan a abrir unha investigación e nos fan dubidar dos obxectivos e fins desta Fundación”: 1ª.- A Deputación é coñecedora de que a Axencia Tributaria comunicou o inicio de embargo contra a Fundación, o que denota unha situación económica agónica. “Estamos obrigados pola lei como Administración Pública a velar polos bens e intereses dos lucenses. Por este motivo preguntámonos como unha Fundación que recibiu inicialmente 2.321.536 euros da Deputación e da Xunta con 200 hectáreas de terreo provincial, aportacións anuais dos patronos, e que vendeu madeira dos bosques… pode estar 5 anos máis tarde a piques do embargo? En que o gastaron e como se están a xestionar as contas? Están a cobrar os traballadores? Ten a Fundación hipotecas contra a propiedade, propiedade que no seu momento aportou a Deputación de Lugo?”. A este respecto Gómez Besteiro sinalou que “non podemos ingresar nin un euro máis ata que sexa aclarada esta grave situación económica”. 2º .- O Presidente aportou numerosas probas fotográficas que avalan a deforestación progresiva que transformou a paisaxe, barrendo literalmente as árbores sen ningún tipo de explicación. Debido ás talas masivas, Gómez Besteiro pregúntase: Cómo unha Fundación de carácter medioambiental se dedica a talas masivas de árbores? É como se os ecoloxistas se dedican mañá ó comercio de peles de animais! Isto non ten ningún sentido”. 3ª.- As pistas están nun estado absoluto de deixadez e abandono, sen que o Padroado execute os traballos correspondentes dentro da finca. “De novo, teñen a proba nas fotografías que ratifican o abandono absoluto e progresivo das mesmas debido supostamente ó paso de maquinaria pesada”, denunciou. Accións da Deputación A Deputación demandou información ó actual Padroado da Fundación que, ademais, mantén a composición ata o de agora derivada do anterior goberno provincial. Gómez Besteiro indicou que a resposta obtida foi moi negativa, xa que intentaron crear unha cortina de fume diante do cerco xurídico e o rigor ós que a Deputación ós está sometendo, “poñendo en coñecemento do Fiscal un informe sen base nin real nin xurídica alegando que co noso comportamento afectamos ós seus intereses”. Ante esta situación, o titular provincial explicou que se requeriu á Consellería de Medio Ambiente, que é o Protectorado que lle corresponde a esta Fundación, que actúe de forma inmediata diante os presuntos despropósitos que os xestores teñen provocado, así como que remita ó organismo provincial o resultado dos informes e documentación que teñen ó respecto. Por este motivo, a Deputación ponse á disposición da Fiscalía de Lugo para facilitar toda a información ó respecto co fin de coñecer en profundidade a documentación correspondente porque “queremos chegar ata o final” deste entramado e tamén avanzou que a súa principal preocupación “é manter inalterado o patrimonio cedido pola Deputación de Lugo no seu momento, sen que sufra menoscabo”. O responsable provincial indicou, ademais, que esta mesma mañá informou previamente de todos os pasos a seguir ós voceiros dos grupos provinciais, xa que a situación é suficientemente grave e sen precedentes nesta institución. Historia do Pazo de Tor No ano 2003 a Deputación de Lugo, gobernada polo Partido Popular, propietaria das fincas de Tor, no concello de Monforte, con 200 hectáreas de terreo valoradas naquel momento en 1.803.000 euros (uns trescentos millóns das antigas pesetas) constitúe coa Consellería de Medio Ambiente, dirixida por José Manuel Barreiro, unha fundación denominada Centro Superior Cinexético e Piscícola de Galicia. Pola súa banda, a Consellería aporta inicialmente 518.536 euros. O goberno actual da Deputación de Lugo liquidou a súa contribución anual a esta Fundación correspondente ó ano 2007 e parte de 2008, en concreto abonáronse 30.000 euros, “polo que non tivo motivo ata o de agora para sospeitar de supostas irregularidades económicas nesta Fundación que hoxe non é xestionada polo organismo provincial nin pola Consellería”.