Deputación de Lugo

O vello cárcere transformarase nun centro artístico de referencia para a cidade de Lugo

O Alcalde de Lugo e o Presidente da Deputación presentaron as bases para o concurso de ideas do edificio

O orzamento para esta obra aproxímase aos 6 millóns de euros O Alcalde de Lugo, José López Orozco, e o Presidente da Deputación provincial, José Ramón Gómez Besteiro, presentaron as bases que rexerán o concurso de ideas para a realización do anteproxecto de rehabilitación do antigo cárcere do partido xudicial de Lugo. Estas Bases, que serán aprobadas nos vindeiros días, e que hoxe se deron a coñecer aos membros do Consello Económico e Social, establecen o procedemento e as condicións técnicas do concurso de ideas. O fin é que posibilite da forma máis idonea a implantación dun programa de usos que permita a transformación deste edificio nun Centro Artístico de referencia en toda Galicia. Coa rehabilitación e aproveitamento deste inmoble, preténdese incrementar a rede de equipamentos de edificios municipais para dar unha mellor resposta ás demandas da poboación, xerando novos espazos de encontro, ocio e relación, máis próximos á cidadanía, no centro da cidade. O Alcalde de Lugo sinalou a importancia deste proxecto para a cidade, e lembrou que o Plan Urban, que o Concello conseguiu en xuño do 2008, contou co apoio unánime das forzas vivas da cidade e coa colaboración, única en España, da Deputación provincial. Neste senso, López Orozco, agradeceu de novo a aposta persoal do Presidente provincial por implicarse nesta iniciativa. José Ramón Gómez Besteiro, pola súa banda, quixo destacar o traballo feito dende a administarción local “para ir transformando Lugo nunha verdadeira gran cidade. Proxectos coma este, ou o MIHL ou o Centro de Interpretación, son os que marcan a diferencia e fan que unha vila con pretensións de cidade pase a ser unha gran cidade como está a facer Lugo”. Gómez Besteiro pediu que ninguén esqueza que “o promotor deste Plan Urban foi López Orozco que non parou de loitar ata conseguilo”. Praza de San Marcos O Presidente da Deputación lembrou ademais que o Plan Urban, con máis de 16 millóns de euros de orzamento, “cumpre outro vello compromiso coa cidade, que é que a Rúa San Marcos pase a ser a Praza de San Marcos, e se convirta nun novo espazo aberto á cidadanía”. Gómez Besteiro destacou que esa é a filosofía coa que traballa a Deputación. A obra de San Marcos, que contará tamén cun concurso de ideas no que se está traballando xa para presentar, incluirá a peonalización da rúa San Marccos, a construción dunha gran praza, a apertura do xardín traseiro do Pazo de San Marcos e a apertura de parte do Paseo Interior da Muralla. Para levar a cabo este proxecto, tanto o Presidente provincial coma o Alcalde, mantiveron encontros cos comerciantes da zona “existe o acordo unánime dunha parte moi importante da vida da cidade como son os responsables dos comercios”. Centro artístico no vello cárcere O edificio do vello cárcere construiuse segundo un plano do arquitecto Nemesio Cobreros de 1878, e é un dos poucos exemplos que perviven en Galicia de arquitectura penitenciaria, de grande interese tipolóxico. Albergou o primeiro cárcere celular que houbo na provincia de Lugo, cualificada por moitos como cárcere modelo. O edificio está fabricado en granito e revocado en branco exceptuando reforzos de vanos e esquinais, a cuberta está realizada en pizarra. A estrutura horizontal do vello cárcere está feita case toda en madeira. O conxunto está rodeado por unhas torres de reforzo en esquinas e puntos singulares. Estas torres son de dúas alturas e ao igual que o resto do edificio están enlucidas e presentan sillares de pedra en almenas, liña de imposta e o contorno dos ocos rasgados no muro. Nos traballos que se presenten valorarase a proposta de ordenación de usos do conxunto así como a proposta de intervención na edificación tendo en conta que as obras son de consolidación, conservación e restauración. Para as obras de consolidación das características que definen o edificio, empregaranse os materiais existentes seguindo a forma orixinal do edificio, evitándose expresamente o uso de ladrillo visto nos paramentos. Poderán plantexarse no concurso de ideas as obras necesarias para a adecuación da edificación para o seu uso, como modernización e actualización de instalacións ou a reforma de elementos estructurais en mal estado. Non obstante, estas modificacións non deberán afectar aos elementos estructurais nin á imaxe xeral do edificio. No se permitirán obras de apertura de ocos en fachadas que as modifiquen sustancialmente, pero si serán posibles a realización de cambios na distribución interior que non afecten a elementos resistentes. Fases do Concurso e Xurado O concurso regulado por estas Bases consta das seguintes fases: a) Primeira fase.- De libre concurrencia. Seleccionarase por un Xurado un máximo de cinco participantes para ser invitados a participar na segunda fase do concurso. b) Segunda fase.- O Xurado escollerá a idea máis axeitada na fase de anteproxecto. O xurado estará composto por: El Alcalde de Lugo o persona en quien delegue, que lo presidirá - Un representante do grupo municipal do Partido Popular - Un representante do grupo municipal do Bloque Nacionalista Gallego - O Presidente da Diputación ou persoa en quen delegue - A Concelleira de Cultura do Concello de Lugo ou persoa en quen delegue - O Interventor municipal ou persoa en quen delegue - A xefa da asesoría xurídica ou persoa en quen delegue - Un representante de Caixa Nova - Un representante de Caixa Galicia - Un/ha arquitecto/a de recoñecido prestixio nomeado polo Alcalde - Un/ha arquitecto/a nomeado/a polo Colexio de Arquitectos de Lugo - Un/ha arquitecto/a nomeado/a pola Universidade de A Coruña - Dúas arquitectas/os municipais - A Directora do Proxecto URBAN (Iniciativa URBANA) Posibles Usos Os usos recollidos nas bases establecen os contidos mínimos, pero non constitúen un programa pechado. ● Área de recepción e atención ao usuario Será a zona de recepción e espazo de acollida ao público, información de servizos que presta o centro, inscripción en actividades, préstamo de salas, préstamo de audioguías sobre o percorrido temático do edificio, etc. Contará ademais cunha tenda especializada en publicacións culturais do municipio de Lugo e material relacionado coa cidade e coas exposicións programadas. ● Espazo polivalente para exposicións de gran formato e actuacións artísticas doutro tipo Espazo de carácter polivalente que permita un uso como sala de exposicións de gran formato e compatible co desenvolvemento de artes escénicas (música, danza, teatro…) así como outros espectáculos non convencionais. Terase en conta a existencia dun espazo contiguo para camerinos e a entrada de pezas grandes e o seu manexo. Procurarase un tratamento do edificio que garanta o maior aforo posible destinando. ● Sala para espazos escénicos - espazo permanente Dotada con: - sala con escenario - material técnico - iluminación - cabina de control ● Espazos polivalentes: salas de exposicións de pequeno formato Servirá como plataforma de promoción e apoio a artistas locais e exposicións menores. Térase en conta a posta en funcionamento de iluminación de exposicións. ● Espazos polivalentes: espazos didácticos Espazos que permitan a realización de talleres pedagóxicos destinados a público escolar e familias, con programación de actividades relacionadas con: arqueoloxía, arte e cultura, as exposicións ou performance que estén en vigor, a artesanía, a gastronomía, etc. Estudarase a posibilidade de instalar un forno cerámico para os talleres de arqueoloxía. ● Biblioteca Especializada en temas culturais, artísticos e patrimonio da nosa cidade. Contará tamén cunha Comiteca. ● Espazos polivalentes: salas de seminarios Espazos para o desenvolvemento de pequenas presentacións, seminarios e xornadas, reunións de traballo, etc. Contará tamén con espazos para formación e outros que permitan o desenvolvemento de programas de animación cultural para profundizar nos contidos das exposicións a través de cursos, encontros, manifestacións artísticas e eventos lúdicos. ● Cafetería- restaurante Unha das propostas estrela desta rehabilitación do vello cárcere. O restaurante contribuirá a reforzar o poder de atracción deste equipamento. Contará cunha terraza acondicionada para celebrar festivais, concertos e actividades culturais diversas. ● Sala de cociña Espazo soporte para a posta en valor da gastronomía local e a sensibilización da poboación local co patrimonio gastronómico. ● Espazo memoria Xa dixemos que a intervención no edificio deberá respectar a identidade da construción e a memoria histórica do cárcere nos seus espazos máis emblemáticos, para iso plantexaranse os soportes de comunicación máis axeitados para contar o valor histórico e arquitectónico do edificio a través dunha visita audioguiada ou dedicando un espazo expositivo para este fin (celda que recrea a vida no cárcere, celosía que recrea a participación nunha misa na prisión…) ● Espazo de recursos artísticos Oficina de atención a novos artistas que necesitan recursos e información para o desenvolvemento da súa traxectoria artística. ● Sala de cine/ audiovisuais Espazo equipado para proxeccións. Zona Exterior Preverase o acondicionamento exterior dentro do perímetro amurallado da edificación. As bases recollen que se pode contar con esta zona como espazo complementario para algún dos usos descritos. Tamén estará prevista a instalación das estruturas que fagan visitables os torreóns. Proporase a definición dos accesos e a urbanización e axardinamento do contorno que se considere preciso para unha correcta utilización da edificación. O orzamento é de case 6 millóns de euros e inclúe o proxecto de rehabilitación do conxunto de edificios, a intervención en toda a parcela e o acondicionamento dos accesos necesarios para o correcto uso e goce da edificación. Plan Urban O Plan Urban pretende converter o centro histórico de Lugo en núcleo de potenciación económica e social, a través dun programa integrado que implica un aproveitamento dos recursos endóxenos da cidade, centrándose na rehabilitación, a intervención en espazos públicos e a revitalización do comercio e o turismo, dende unha perspectiva de sostibilidade e participación cidadá. A día de hoxe, o recinto amurallado constitúe o principal atractivo turístico de Lugo, a zona onde lucenses e visitantes senten esa atmósfera especial que outorgan dous mil anos de historia. Con actuacións como instalar nova iluminación ou mellorar a mobilidade polas rúas, o centro pódese erixir como o motor do Lugo do futuro, a través do comercio ou o turismo.