Deputación de Lugo

O VICEPRESIDENTE PRIMEIRO DA DEPUTACIÓN INAUGUROU A 1ª XORNADA DE LITERATURA TRADICIONAL ORAL

Esta xornada organizada pola AELG reúne en Lugo a especialistas nas tradicións orais referiadas ao demo e os seus poderes

O vicepresidente primeiro da Deputación, Antón Bao, inaugurou esta mañá a I XORNADA DE LITERARURA DE TRADICIÓN ORAL A figura do demo na literatura de tradición oral. Esta xornada reuniu a especialistas e afeccionados á literatura oral relacionada con cuestións do demo e das súas artes no Salón de Actos da Deputación durante a xornada do venres. Esta xornada estivo organiza pola AELG (Asociación de Escritores en Lingua Galega), patrocina pola Área de Cultura da Deputación de Lugo e coordinada polos escritores lucenses Isidro Novo e Antonio Reigosa. No acto de inauguración o vicepresidente primeiro da Deputación, facendo referencia ao convenio de colaboración establecido entre a Área de cultura da Deputación e a AELG, suliñou a importancia de apoiar as estruturas asociativas de colectivos como o dos escritores “este é un exemplo máis de que entidades como a AELG son a correa de transmisión entre o patrimonio xerado durante anos de traballo polos escritores e a sociedade, a función dos que administramos os recursos públicos é a de contribuír a que esa correa de transmisión funcione dun xeito dinámico tal e como se amosa nesta xornada que hoxe inauguramos”. Nesta xornada participan escritores e literatos recoñecidos que adican parte da súa obra e do seu traballo a profundar en cuestións relacionadas co literatura oral, a antropoloxía cultural, a etnografía, as lendas populares e outras disciplinas que os fan converxer na erudición sobre os grimorios, os ciprianillos, a mitoloxía das ánimas, os seres míticos, as posesións, as bruxas e todo ese universo de medos que inuda a literatura oral tradicional. A celebración desta xornada literaria coincide coa exposición, que permanece aberta na sala da Deputación, e que leva por título Libros do demo: Grimorios e Ciprianillos e recolle máis de 60 libros da colección particular dos irmáns Castro Vicente. Durante a mañá do venres organizáronse visitas guiadas a esta exposición. Os grimorios son libros de coñecemento máxico que conteñen correspondencias astrolóxicas, listas de anxos e demos, instrucións para lanzar encantamentos e feitizos, mesturar medicamentos, convocar entes sobrenaturais e elaborar talismáns. Os ciprianillos, foron moi usados en Galicia por detallar as artes diabólicas e os rituais necesarios para o achado dos tesouros que os encantos e os mouros tiñan gardados nos castros, furnas e mámoas. Tamén quen o posuía, tiña o poder de facer fuxir ó demo. I XORNADA DE LITERARURA DE TRADICIÓN ORAL A figura do demo na literatura de tradición oral Lugo, venres, 17 de outubro de 2008 / Salón de Actos da Deputación de Lugo Organiza: AELG (Asociación de Escritores en Lingua Galega) Patrocina: Área de Cultura da Deputación de Lugo Coordinan: Isidro Novo e Antonio Reigosa ________ PROGRAMA 11:00 h.- José Manuel Pedrosa, Universidade de Alcalá, “Deus e o demo na literatura de tradición oral” 12:00 h.- Xosé Miranda, “Casos de posesión diabólica en Galicia” De 13:00 a 14:00 h.- Mesa redonda arredor da figura do demo na literatura oral tradicional Participan: J. M. Pedrosa e X. Miranda Modera: A. Reigosa 16:30 h.- Félix Castro Vicente, “Libros do demo, grimorios e ciprianillos” 17:30 h.- Peter Missler, “O poder do demo sobre o tesouro escondido” De 18:30 a 19:30 h.- Mesa redonda: Libros do demo Participan: Félix Castro Vicente e Peter Missler Modera: Isidro Novo Paralelamente, e organizada polo Museo Provincial de Lugo, na Sala de Exposicións da Deputación amósase unha exposición de “Libros do demo, grimorios e ciprianillos”, propiedade de Félix Castro Vicente. Pola mañá, o museo organiza visitas guiadas por Félix Castro á exposición para alumnos de ESO, BAC e Universidade, previa concertación no tfno..: 982 242112. RELATORES JOSÉ MANUEL PEDROSA Profesor Titular de Teoría da Literatura e Literatura Comparada da Universidade de Alcalá. Foi profesor visitante nas Universidades de Montreal (Canadá, 1997) e Bahía Blanca (Arxentina, 1999), e impartiu cursos e conferencias en universidades de toda Europa, América do Norte e Sudamérica, África e Israel. É especialista en literatura oral, literaturas comparadas e antropoloxía cultural. Codirixe as revistas Culturas Populares e Oráfrica, e é secretario da Revista de Poética Medieval. É autor ou editor duns corenta libros e de máis de douscentos artigos científicos, publicados nas revistas científicas (da área de humanidades) máis prestixiosas do mundo. É coordinador da área de Antropoloxía da Gran Enciclopedia Cervantina. E Folklore Fellow Membro Correspondente da Sección de Folklore) da Academia de Finlandia, que foi a primeira do mundo que, no século XIX, deu estatus académico oas estudos de folklore. Entre os seus libros figuran títulos como Las dos sirenas y otros estudios de literatura tradicional (De la Edad Media al siglo XX)(1995); Tradición oral y escrituras poéticas en los Siglos de Oro (1999); Entre la magia y la religión: oraciones, conjuros, ensalmos (2000); Bestiario. Antropología y simbolismo animal (2002); El cuento popular en los Siglos de Oro (2004); La autoestopista fantasma y otras leyendas urbanas españolas (2004); e La historia secreta del Ratón Pérez (2005). Editou ou coeditou moitas edicións académicas de contos, lendas e relatos de tradición oral e popular. Entre elas destacan títulos como: (de Jakob y Wilhelm Grimm) La mujer del musgo y otras leyendas alemanas (2000); (de Alexandr Nikoláievich Afanásiev) El pájaro de fuego y otros cuentos populares rusos (2000); Héroes,santos, moros y brujas (Leyendas épicas, históricas y mágicas de la tradición oral de Burgos) (2001); La ciudad oral. Literatura tradicional urbana del sur de Madrid (2002); Cuentos burgaleses de tradición oral (2002); El joven que atrapó al puercoespín blanco y otros cuentos de los fang de Guinea Ecuatorial (2003); (de Alexandr Nikoláievich Afanásiev) El anillo mágico y otros cuentos populares rusos (2004); Cuentos maravillosos de las orillas del río Níger. Tradiciones orales del pueblo djerma-songay (2005); La princesa de cristal y otros cuentos populares del viejo Ceilán (2006); (de Alexandr Nikoláievich Afanásiev) Leyendas populares rusas de santos, diablos, milagros y maravillas (2007); Gitanos que andan con la luna: literatura tradicional de los gitanos de Almería(2007); Cuentos y leyendas inmigrantes (2008);La mujer del pez y otros cuentos tradicionales de la provincia de Guadalajara (2008); Cuentos del Pacífico (2008). Publicou tamén libros de didáctica dos contos populares. Por exemplo, Las voces sin fronteras:didáctica de la literatura oral y la literatura comparada (Almería:Universidad, 2003) e Folclore y literatura oral: ensayo de historia,poéticay didáctica (Granada: Grupo Editorial Universitario, 2003). É membro de consellos de honor e de consellos asesores de revistas tan importantes como Literary Research, Revista de Literaturas Populares, Revista de Literatura Medieval, E-Humanista: Journal of Medieval and Early Modern Iberian Studies, Paremia, Studia Aurea, Amaltea, etc. XOSÉ MIRANDA Xosé Miranda Ruíz (Lugo, 1955). Licenciado en Bioloxía. Profesor de bacharelato no Instituto Xoán Montes de Lugo. Narrador e poeta. Especialista en literatura de tradición oral. Como poeta ten publicado: Sonetosfera (1996), accésit do Premio Esquío 1995; Andantes e viaxeiros (1996), Premio Eusebio Lorenzo Baleirón 1995; Carozo azul (1997); Permiso para o corso (1997), Premio Esquío 1996. A súa poesía está reunida no volume As cidades mergulladas. (Poesía reunida 1973-2002) (Xerais 2003). Como narrador deuse a coñecer co relato Na terra sombría (1988), Premio Modesto Figueiredo; foron as súas obras posteriores: Historia dun paraugas azul (Xerais 1990, 2006), Premio de novela García Barros; A biblioteca da iguana (Xerais 1994, 2006), relatos; A neve e a cadeira (1994), relato longo; A tres bandas (Xerais 1995), novela policíaca; Vestio (1995, Xerais 2008), novela; Partenoxénese (1995), Premio de narrativa fantástica Xenciana, 1994; O demo á orella (Xerais 1996), relatos; «Seis medos» en Antoloxía do conto galego de medo (1996); Morning star (1998), Premio Xerais de novela; Infancia e desventura de Lino Carrán (2000), novela, Ariadna (Xerais 2002), novela; Pel de lobo (Xerais 2002), novela, Premio Merlín 2002; o relato “Tarxeta vermella” publicado en Materia prima (Xerais 2002) e Tarxeta vermella (Xerais 2003), relatos. Os seus contos de medo están recollidos nos volumes Triloxía pánica (Xerais 2000) e As mans do medo (Xerais 2007). Como autor de literatura infantil publicou: Lúa e os nubeiros (2000), O coello Federico (2000), Feitizo (Xerais 2001), Álvaro e Álvaro (Xerais 2004), Federico na silveira (Xerais 2006), Amancio Amigo e o meigo de Salamanca (Xerais 2006) e “Amancio Amigo e o Demo da Botella” (Xerais 2008). Tamén é coautor xunto con Antonio Reigosa e Xoán Ramiro Cuba do Diccionario dos seres míticos galegos (Xerais 1998) e dos vinte volumes dos contos da colección Cabalo Buligán (Xerais 1998-2003) recollidos da tradición oral. Así mesmo é co-autor dos volumes Contos colorados. Narracións eróticas da tradición oral galega (Xerais 2001), Pequena mitoloxía de Galicia (Xerais 2001), Cando os animais falaban (Xerais 2002), Antoloxía do conto galego de tradición oral (2002) e Arrepíos e outros medos (Xerais 2004) e A flor da auga (Xerais 2006), ambos os dous volumes pertencentes á serie “Lendas de Galicia”. FÉLIX CASTRO VICENTE Naceu en Ourense un frío día de San Silvestre do ano mil novecentos setenta, xunto co seu irmao xemelgo Cástor. Herdou da súa nai e a avoa materna a afección polos libros e a cultura tradicional e do seu pai a afección polas películas de terror, fantásticas e os comics. Realizou os seus estudos de Dereito en Salamanca seguindo a tradición familiar, onde segundo algúns ademais de aprender a tocar a gaita tamén realizou estudos na Cueva de San Ciprián, e por iso agora sabe tanto dos libros do demo. Traballa de avogado, pero dedica moito tempo a tocar música tradicional galega, investigar e coleccionar sobre cultura popular, practicar artes marciais, en definitiva é un especialista en cousas inútiles. O certo é que algo lle debeu ocorrer na Cova de Salamanca que despois duns anos deu en coleccionar Libros de San Cipriano, grimorios e demais libros infernais, dos que ten publicado xa unha serie de artigos: “El Libro de San Cipriano”, Hibris, Revista de bibliofilia; “Rosendo Pons, editor y ocultista ”, Hibris; “Las ediciones españolas del Diccionario infernal”, Hibris; “O Libro de San Cibrán: unha realidade no imaxinario popular”. Murguía, revista galega de historia. Tamén publicou abondosos traballos sobre música e cultura tradicional galega, ademais de ter unha ampla e interesante discografía dedicada a ela. PETER MISSLER Peter Missler naceu en Amersfoort (Holanda) en 1959. Aos vinte anos comezou estudar filosofía na Universidade de Utrecht, pero axiña marchou a París, onde exerceu principalmente como bohemio. Despois de catro anos como vendedor de libros, limpador, electricista, xerente de hotel e músico do metro, volveu a Holanda para licenciarse en Exiptoloxía na Universidade de Leiden. Mudouse a Granada en 1993 e a Santiago de Compostela uns anos máis tarde. É membro da George Borrow Society de Inglaterra e contribuínte regular do George Borrow Bulletin. Escribe e publica en holandés, inglés e castelán sobre temas relacionados coa primeira guerra Carlista, o escritor inglés George Borrow, e a maxia Española. Peter Missler vive no val de Mahía, ao oeste de Santiago, coa súa esposa Palmyra, o seu fillo Yasin e o pastor homérico Argos. É autor de numerosos artigos que son publicados no George Borrow Bulletin e onde predominan os artigos relacionados con este viaxeiro inglés vendedor de biblias e os xitanos. Os seus traballos poden atoparse na rede consultando a páxina web “George Borrow Studies” . Sobre o tema que nos ocupa é digno de salientar o seu traballo titulado TRADICIÓN E PARODIA NO MILLONARIO DE SAN CIPRIANO, PRIMEIRO RECEITARIO IMPRESO PARA BUSCAR TESOUROS EN GALIZA (AS FONDAS RAÍCES DO CIPRIANILLO). Un traballo que consta de tres partes e no que analiza as listas dos tesouros agachados, considerando que estas listas evolucionaron dende modelos en árabe que xorden en Exipto e no Magreb no século IX da era cristiá. COORDINADORES / MODERADORES ISIDRO NOVO De ascendencia mariñá, Isidro Novo naceu en Lugo a mediados do século pasado. Agás parénteses, sempre viviu na súa cidade de nacemento, onde fixo estudos ata onde o deixaron e onde realizou os máis diversos traballos: vendedor de libros, viaxante de produtos alimentarios, administrativo, taberneiro... O seu balbucir na escrita é no idioma castelán, pero cando toma conciencia da propia identidade, o galego convértese na súa única lingua voluntaria. Teaza de brétema, publicado na colección O Barco de Vapor no 9194 foi a súa primeira publicación individual nesta lingua. Seguiríalle o wéstern cómico Por unha presa de machacantes e no mesmo ano sairía do prelo tamén Carne de Can, un feixe de oito relatos de carácter dramático e o libro de poemas Dende unha nada núa. Dous anos máis tarde, no 99, aparece Antollos de Eimarmena, tamén de narrativa curta e logo dun espazo de catro anos sen publicar, sairán, consecutivamente, as novelas: Súa de si, Rosa lenta e Un escuro rumor tralo silencio. A súa última publicación ata agora é o libro de poemas titulado Esteiro de noites falecidas que saíu á luz no ano 2007.En tempos tamén fixo radio (Gomorritas e novas criaturas), ademais de publicar dúas guías orientativas para libar viño artesanal na súa cidade (Guía do bebercio lugués 1992 e 1995). ANTONIO REIGOSA Zoñán, Mondoñedo, 1958. Desde 1982 traballa no Museo Provincial de Lugo onde na actualidade é Responsable de Comunicación e Xestión Cultural da Rede Museística da Deputación provincial. Escritor, conferenciante e investigador da mitoloxía e da literatura de tradición oral galega. Deseña programas e unidades didácticas, coautor de guíase editor da web da Rede Museística. É autor de artigos de divulgación relacionados con estes e outros temas en diversos medios de comunicación e revistas especializadas. Cofundador de Chaira, Grupo de Investigación Etnográfica (1992), xunto a Ofelia Carnero, Mercedes Salvador e Xoán R. Cuba. Creador e coordinador de contidos de Galicia Encantada (www.galiciaencantada.com), Enciclopedia virtual da fantasía popular de Galicia. Coordinador das revistas orais “O pazo das musas”, editada polo Museo Provincial de Lugo, e “A voz dos carraos”, editada polo Museo Provincial do Mar. Creador e coordinador das Polafías, proxecto da As. de Escritores en Lingua Galega (AELG) que ten como obxectivo divulgar e poñer en valor en vivo, en vilas e pequenos núcleos, a literatura e a música tradicionais. Colaborou en programas de radio e TV., actualmente faino no programa “O tren do serán” da Radio Galega coa sección “Galicia Encantada na Radio Galega”. Entre os títulos publicados no eido literario destacan Memorias dun raposo (1998), Resalgario (2001), Bacoriño (2004), A noite dos pesadelos (2006), A escola de Briador (2006) e O polimacho e outras criaturas (2008). No eido da literatura oral é coautor xunto co resto de compoñentes do Equipo Chaira de Polavila na Pontenova. Lendas, contos e romances (1998) e Da fala dos brañegos. Literatura oral do concello de Abadín (2004). Xunto a Xoán R. Cuba e a Xosé Miranda publicou o Diccionario dos seres míticos galegos (1999), os 20 tomos con contos da tradición oral de Galicia baixo o título xeral de Cabalo Buligán (1998-2004), Contos colorados. Narracións eróticas da tradición oral de Galicia (2001), Antoloxía do conto de tradición oral (2002), e Pequena mitoloxía de Galicia (2001). Con Xosé Miranda é autor de Cando os animais falaban. Cen historias daquel tempo (2002); Arrepíos e outros medos. Historias galegas de fantasmas e de terror (2004) e A flor da auga. Lendas galegas de encantos, mouras, serpes e cidades mergulladas, (2006). A súa obra máis recente, unha recreación de contos do Antigo Exipto leva por título Os dous irmáns e outros contos populares do Antigo Exipto (2008 ). Foi recoñecido con premios como o “Certame Nacional de Artes e Tradicións Populares” para Prensa, Radio e Televisión”, Ministerio de Cultura (1987), Merlín (1998), Raíña Lupa (2000), Frei Martín Sarmiento (2003) e Premio de Comunicación, da Asociación Cultural “María Castaña”(2006). O Equipo Chaira, do que forma parte, foi homenaxeado en 2007 nos XV Encontros na Terra Chá pola Asociación Cultural Xermolos.