Deputación de Lugo

O VICPERESIDENTE PRIMEIRO, ANTÓN BAO, PRESENTOU A XII EDICIÓN DOS XOGOS AUTONÓMICOS DE BALONCESTO ORGANIZADOS POR SPECIAL OLYMPICS

Un total de 371 atletas de toda Galiza participarán nestes campionatos

O salón de actos da Deputación de Lugo acolleu hoxe a presentación da XII Xogos Autonómicos de Baloncesto Lugo 2008 organizados por Special Olympics Galicia. Nesta presentación participaron o vicepresidente primeiro da Deputación de Lugo, Antón Bao Abelleira, o Presidente de Special Olympics Galicia, Eladio Fernández, a Presidenta de ASPNAIS, Concepción Teijeiro, a Concelleira de Benestar Social do Concello de Lugo, Carmen Basadre, a Delegada da Conselleria de vicepresidencia en Lugo, Branca Rodríguez Pazos, o Director deportivo da Fundación Balongal, Cristino Menor Parra, o Director Deportivo da Asociación Xuvenil Sagrado Corazón, Rubén Engroba Cabo, o Vicepresidente de Special Olympics Galicia, Julio Cortiñas. O vicepresidente primeiro da Deputación, Antón Bao, sinalou na súa intervención que dende a Área de Deportes da Deputación “estamos a impulsar un deporte para todos e para todas, tentando que a igualdade de oportunidades non se restrinxa unicamente a unha intención se non á unha realidade de xestión promovida dende as institucións”, Bao fixo estas afirmacións en relación á puntuación que reciben as entidades deportivas á hora da concesión das axudas convocadas pola Área de Deportes da Deputación. Estes xogos organízanse desde Special Olympics Galiza coa colaboración da asociación ASPNAIS de Lugo e de Fademga Feaps Galiza. O evento celebrarase nas Instalacións do Pazo Universitario de Lugo, o Sábado 25 de outubro de 2008. Os Xogos iniciaranse ó redor das 10.45 coa inauguración oficial coa presenza de representantes do goberno local, a competición iniciarase ás 12.00 horas e continuará ata as 19.00 horas, momento de clausúraa do evento. Os Xogos contarán coas categorías de Mínimos (M) de 8 a 11 anos, Infantís (I) de 12 a 15 anos, Xuveniles (X) de 16 a 21 anos, Absolutos(A) de 22 a 29 anos e Séniores (S) 30 anos en diante. No campionato participarán un total de 371 atletas pertencentes a clubes das catro provincias, no tocante á Lugo serán seis clubes dos concellos de Lugo, Viveiro, Monforte, Sarria e Burela. En total participarán un total de 24 clubes de toda Galiza que estarán dirixidos por 86 adestradores. Os participantes na presentación resaltaron a importancia da colaboración das institucións para poder organizar este tipo de eventos. Ademais todos sinalaron o esforzo e o espírito de superación que espertan, nos participantes, estas competicións nas que o importante é participar e o feito mesmo de competir xa é un premio para todos e para todas. Para a celebración deste campionato establecéronse cinco niveis de competición para os participantes: NIVEIS: Nivel I / Bo Nivel de Xogo: Os xogadores teñen pleno coñecemento das regras do xogo, así como da súa aplicación por parte dos árbitros. Os xogadores teñen perfectamente asumido o sentido de xogo en equipo, e son conscientes que forman parte dun colectivo. A técnica individual dos participantes é de nivel alto e executan con completa corrección os movemento básicos do deporte en cuestión. Nivel II / Nivel Intermedio: Os xogadores teñen coñecemento das regras de xogo e da súa aplicación por parte do árbitro. Os xogadores coñecen o sentido de xogo en equipo. A técnica individual é media ou aceptable e executan os movemento básicos do deporte cunha corrección aceptable. Nivel III / Nivel Inicial: Os xogadores coñecen lixeiramente ou non coñecen as normas de xogo, así como a súa aplicación por parte dos árbitros. Os xogadores teñen pouca ou nula noción de xogo en equipo. A técnica individual é baixa ou nula e a execución dos movemento básicos do deporte non é correcta. Nivel IV / Probas Adaptadas I: Tiro estático. Bote dinámico. Pase e recepción Nivel V / Probas Adaptadas II: Tiro estático. Bote dinámico. Pase e recepción.