Deputación de Lugo

O Presidente da Deputación felicita a Pérez Touriño pola súa visión realista no discurso do Estado da Autonomía

Gómez Besteiro quixo asistir ó debate no Parlamento de Galicia para coñecer as propostas para a provincia

O Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, felicitou hoxe ó xefe do executivo galego, Emilio Pérez Touriño, pola súa visión “realista e responsable” de Galicia no discurso sobre o Estado da Autonomía que comezou este martes no Parlamento de Galicia. Para o mandatario provincial “está claro que o Presidente galego ten os pés sobre a terra e que é unha persoa moi apegada á cidadanía e ós seus problemas e demandas”. En concreto, hai dúas liñas de traballo do Goberno galego que Gómez Besteiro valora especialmente. A primeira é o programa de medidas de apoio ó emprego dotado con 430 millóns de euros e encamiñado á contratación de 20.000 traballadores en 2009. Parello a este programa, as empresas lucenses, percibirán unha subvención de 10.000 euros por cada contrato indefinido que asinen cun traballador que leve máis de 12 meses no paro. “Con apostas coma esta non nos pode estrañar que Galicia medrara en 3 anos máis do 11% en termos reais, superando a media española. Aínda que os tempos actuais son difíciles, estes datos ratifican unha boa acción de goberno”, afirmou o Presidente da Deputación. A segunda liña de traballo destacada polo máximo responsable provincial foi a aposta pola vertebración do territorio. O esforzo conxunto dos Gobernos central e galego fará posible que en 2012 as 7 grandes cidades galegas estean unidas por autoestrada ou autovía, o que inclúe a culminación de Lugo-Santiago e Lugo-Ourense. Ademais da ampliación da A-9, configúrase unha nova infraestrutura viaria que unirá Ferrol con Lugo. Por outra banda, o transporte metropolitano incluirá a área de Lugo, co que se responderá a unha das demandas actuais da cidadanía: superar os problemas de mobilidade do país. Gómez Besterio tamén aplaudiu o esforzo do executivo galego en favor do medio ambiente, que é unha área estratéxica para a Deputación lucense. Neste senso, Pérez Touriño anunciou a ampliación da Rede Natura 2000, na que Lugo ten un grande peso, e a declaración de 6 novos parques naturais en 2009 , entre eles Os Ancares e O Courel. Á apertura do novo hospital de Lugo hai que sumar o apoio do Goberno autonómico ó hospital do Centro Gallego de Buenos Aires, visitado recentemente por Gómez Besteiro. Esta infraestutura sanitaria permitirá ofrecer unha asistencia de calidade a miles de galegos no exterior, e concretamente, ós lucenses que residen nesa zona.