Antón Bao acompaña os alumnos do CEIP Terra Chá – Román Santalla no visionado da peza teatral Babiliglub!
![](/sites/deputacionlugo.org/files/Imagenes/0_3633_1.jpg)
O vicepresidente primeiro da Deputación, Antón Bao, visitou este xoves as instalacións do CEIP Terra Chá Román Santalla (Vilalba) e acompañou a boa parte do seu alumnado, con idades comprendidas entre os 3 e os 6 anos, no visionado da representación da peza teatral Babiliglub! da man do grupo Galitoon. Un espectáculo de luz negra onde se explora na posibilidade de contar unha historia con tan só catro palabras, cunha trama que case non precisa delas, asegura o grupo de teatro. A historia deste innovador relato é o movemento, a música e a plasticidade dos monicreques luminosos que flotan na escuridade. Ao remate da representación, Antón Bao intercambiou impresións cos rapaces e rapazas que se amosaron máis que satisfeitos cunha obra que pretende converterse nunha alegación pola tolerancia e a aceptación das diferenzas. Para o vicepresidente primeiro da Deputación, a maxia do teatro consegue transmitirlles aos máis pequenos ideas e nocións de gran importancia con moita facilidade. Neste caso, créase un sentimento de empatía entre o espectador e o personaxe protagonista que fai deste proceso comunicativo todo un éxito, comentou. Ademais disto, Bao salientou que a representación deste tipo de pezas teatrais nos centros de educación infantil e primaria é un elemento máis para educar na igualdade, no respecto e na tolerancia. Sinopse A tranquilidade do fondo do mar vese interrompida por un pequeno peixe e a súa particular forma de falar, xa que tan só sabe dicir Miau!. Esta verba provoca unha irada resposta da fauna mariña, un trío de peixes, un peixe multicolor e un polbo, que só saben dicir unNon! rotundo e rosmón, porque nese universo submarino o propio é politicamente correcto é dicir Glub!. Que ten que acontecer en Babiliglub para que se poida pronunciar o tan ansiado Si!?