Deputación de Lugo

A Deputación remata o 1º centro público de recría de España, que inxectará máis de 4M€ ao ano na provincia

 - Unhas 150 persoas, entres representantes institucionais, de cooperativas, organizacións agrarias, e da Universidade coñeceron hoxe as instalacións, “feitas por e para o sector gandeiro”, subliñou o Presidente - Terminadas as obras, a Deputación espera que o Concello de Castro de Rei conceda o antes posible a licenza de apertura, solicitada a primeiros de febreiro. As primeiras becerras entrarán no complexo entre agosto e setembro - Gómez Besteiro avanzou que o complexo terá “un modelo público de xestión”, no que participará o sector porque “son os que mellor coñecen esta actividade e maior rendibilidade lle poden sacar ao centro”

A Deputación de Lugo rematou as obras de construción do 1º centro público de recría de gando vacún de España, unhas instalacións situadas na Granxa Gayoso Castro, en Castro de Rei, que, con capacidade para 3.000 reses, suporán unha importante inxección económica e de emprego para a provincia, pois ó seu redor moveranse máis de 4 millóns de euros ao ano, ademais de crear inicialmente uns 20 postos de traballo directos.

Gómez Besteiro, xunto á Vicepresidenta Segunda, Lara Méndez, e os Deputados de Medio Rural, José Fernández; Cooperación cos Concellos, Álvaro Santos; Xestión Territorial, Manuel Martínez; Economía, Pilar García Porto; Medio Ambiente, Sonsoles López Izquierdo; Goberno Interior, Miguel Ángel Sotuela, e Economía do Coñecemento, Alfredo Llano, inaugurou este martes o centro de recría, un acto no que unhas 150 persoas, entre autoridades municipais e representantes dunha vintena de cooperativas e organizacións agrarias, e da Universidade coñeceron as dependencias.

Acudiron membros das cooperativas Icos, Agris, San Antonio de Pol, Cogasar, Lemos, Tierrallana, Leira, Coafor, Coelplan e Mopan, ademais de Unións Agrarias, AFRICOR, ACRUGA, FADEMUR, AGACA e SERAGRO. Tamén asistiu o vicerreitor do Campus Universitario de Lugo, Javier Bueno Lema, o decano da Facultade de Veterinaria, Germán Santamarina Pernas, o xerente do Rof Codina, Luis Felipe, o secretario do IBADER, Antonio Iglesias Becerra, e o director do Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo, entre outros.

Unha vez terminadas as obras, a Deputación espera que o Concello de Castro de Rei conceda o antes posible a licenza de apertura, solicitada a primeiros de febreiro, hai dous meses. Segundo avanzou Besteiro, as primeiras xatas entrarán no centro de recría entre agosto e setembro.

O Presidente subliñou que hoxe, “un día grande”, está listo un proxecto ideado hai 7 anos “para que unha granxa, que ata o daquela competía cos gandeiros producindo leite, pasase a ser un centro moderno e sostible feito por e para os gandeiros, co fin de axudarlles a producir máis e mellor, e para que as nosas explotacións, unha das columnas vertebrais da provincia, funcionen ben”.

Gómez Besteiro recalcou que tras un investimento de 12 millóns de euros, “única e exclusivamente público, desta Deputación en solitario, a pesar de todas as peticións que lles fixemos a outras administracións para que investisen na provincia”, o centro de recría “é unha realidade, un soño cumprido”, que terá un modelo de xestión de iniciativa pública, na que participará directamente o sector gandeiro, “os que máis saben desta actividade, os que mellora a coñecen e os que maior rendibilidade lle poden sacar ao centro”.

Unha maneira de facer política
O Presidente puxo de relevo que “un investimento destas dimensións realizado por unha administración en tempos de crisis indica unha forma de facer política”, en impulso de infraestruturas e servizos públicos para aproveitar os recursos da provincia, crear riqueza e postos de traballo. Neste senso, Gómez Besteiro subliñou o “valor engadido” que xeran estas instalacións, pois a actividade económica e o emprego que xera a recría quedan na provincia. En torno ao centro moveranse máis de 4 millóns de euros ao ano, entre o valor no mercado dos animais recriados, e a contratación dos bens e subministros necesarios para o funcionamento do complexo, como os pensos e os forraxes, servizos veterinarios, man de obra para o seu coidado, transporte, maquinaria e servizos para o mantemento das naves, casetas, cornadizas, bebedoiros, camas ou silos.

Explotacións máis produtivas e rendibles
O Presidente destacou tamén que, facendo a recría no centro de Gayoso Castro, as explotacións lucenses serán máis produtivas e rendibles, pois os animais acadan un alto valor produtivo e xenético, e os gandeiros teñen máis tempo e recursos para dedicarllos ás vacas, aforran na compra de forraxe, reducen a contaminación ambiental, e baixan tamén a carga gandeira, o que pode darlles acceso a novas axudas públicas.

O centro será un modelo na xestión dos animais, pero tamén na dos residuos, poisunhaplanta de biogás transformará en enerxía o 100% dos residuos xerados polos animais e converterá as instalacións en autosuficientes.

O Presidente deu un agradecemento especial ás persoas que levaron adiante un traballo decisivo para sacar adiante este proxecto, como Juan José Díaz Valiño, que foi Deputado de Cooperación cos Concellos e Alcalde de Castro; Xosé María Arias, delegado provincial de Medio Rural no anterior mandato; xunto á Vicepresidenta Segunda, Lara Méndez, e o actual responsable da área de Medio Rural, “que nestes dous últimos anos estiveron a pé de obra”.

As características do centro
O Centro de Recría da Granxa Gayoso Castro ocupa unha superficie de 86.000 metros cadrados. Conta con 13 naves cunha capacidade media para 200 animais cada unha, e dotadas cun total de 2.200 cubículos, 2.200 camas de goma EVA e 2.200 cornadizas automáticas, ademais de 208 bebedoiros e un sistema de limpeza automática de arrobadeira. O recinto tamén ten 270 casetas individuais e 105 colectivas, unha manga para o manexo do gando de 700 metros de lonxitude, unha das máis largas de España, 12 silos para forraxe e 5 esterqueiras para o almacenaxe dos residuos procedentes do encamado dos animais.

A planta de biogás integrada no centro proporcionará 300Kw de enerxía co tratamento de 32.000 metros cúbicos de xurros, estercos e residuos vexetais, o que permitirá que as instalacións, non só sexan autosuficientes, senón tamén producir excedentes de enerxía. Quedarán libres 2.000 megavatios eléctricos anuais, o suficiente para abastecer 250 vivendas e forrar 200.0000 euros de luz ao ano, así como outros 1.700 megavatios térmicos, o equivalente a 100.000 euros de auga quente ou calefacción.

Ademais do aforro de custes, a planta de biogás ten outras vantaxes, pois incrementará o valor agronómico dos xurros e do esterco ao transformalos en dixestato, o que mellora a súa capacidade fertilizante, e evitará a emisión a atmosfera de 400 toneladas de CO2 anuais, o equivalente ao consumo anual de 235 automóbiles. As obras desenvolvéronse en dúas fases, dotadas con 6 millóns de euros de orzamento cada unha, entre xullo do 2011 e marzo de 2015. As xatas entrarán no centro con 15 días de idade e sairán preñadas un mes antes do parto, é dicir a recría leva 23 meses, dous menos que se se fixera nunha gandería convencional, o que supón unha vantaxe para o produtor, que pode poñer a producir o animal antes.