Deputación de Lugo

O Presidente da Deputación de Lugo aposta por converter a Granxa Gayoso-Castro nun referente do sector agropecuario

Visita do Presidente á Granxa Gayoso-Castro

O Presidente da Deputación de Lugo, José Ramón Gómez Besteiro, visitou oficialmente esta mañá a Granxa Gayoso-Castro ubicada en Castro Ribeiras de Lea ( Castro de Rei). Gómez Besteiro considera que “esta era unha visita obrigada tendo en conta a forte implantación que a Granxa ten na provincia e a que vai acadar no futuro”. No percorrido por todas as instalacións , que durou dúas horas, o titular da Deputación estivo acompañado pola Vicepresidenta Segunda da Deputación, e Delegada de Promoción Económica e Emprego, Lara Méndez; o Delegado de Agricultura e Gandeiría da Deputación, Xosé María Arias; o Alcalde de Castro de Rei, Juan José Díaz Valiño e o Primeiro Tenente de Alcalde de Castro de Rei, Roberto Lorenzo. Liñas estratéxicas O Presidente da Deputación destacou que a Granxa Gayoso-Castro seguirá catro liñas estratéxicas. En primeiro lugar, apostará pola investigación, o desenvolvemento e a innovación. Neste eido traballarase en programas de mellora xenética (transferencia de embrións); recuperación de razas autóctonas (vacún, porcino, avícola, e ovino); no incentivo de cultivos alternativos e tradicionais (recuperación da variedade de trigo “grandal” e a plantación de leguminosas:chícharos). Outra das liñas estratéxicas pasará pola colaboración no eido do ensino, sobre todo co Campus de Lugo. Na Granxa Gayoso-Castro están a realizar prácticas alumnos de Veterinaria, de Formación Profesional Agraria e de Cultivos Agrarios da Escola Politécnica Superior. Polo que se refire á terceira liña, José Ramón Gómez Besteiro lembrou que “a xente do campo é empresaria”. Por esa razón, a Granxa Provincial ademais de formación ós gandeiros, potenciará a súa faceta empresarial. A última liña estretéxica pretende conquerir a longo prazo que a Granxa tenda ó autofinanciamento, algo que polo momento non é posible. Tras visitar as instalacións, Gómez Besteiro dixo que é urxente “facer novos investimentos nas infraestructuras e reordenar tanto a finca como os seus usos”. Papel da Granxa no CETAL. O Presidente da Deputación de Lugo sinalou que a Granxa Gayoso-Castro podería ter un papel fundamental no Centro Tecnológico Agroalimentario e chegar a ser un centro de referencia. Con este obxectivo “abriremos unha liña de colaboración co Concello de Lugo, a Xunta de Galicia, o Ministerio de Agricultura e todos os organismos e institucións implicados no CETAL.” A Granxa Gayoso-Castro iniciou a súa actividade no ano 1.942 cun dobre obxectivo: desenvolver tarefas de investigación no ámbito do sector primario da provincia de Lugo e abastecer ós centros benéficos dependentes da Deputación. Está ubicada no concello de Castro de Rei, a 427 metros sobre o nivel do mar, ten 22 traballadores e conta cunha extensión de 305 hectáreas. Segundo a Memoria do ano pasado, a 31 de decembro de 2006, a Granxa Provincial tiña 371 reses, das que 315 eran de gando vacún, 35 de ovino, 18 de aviar e 3 de porcino celta.