Deputación de Lugo

O Pazo de San Marcos acollerá o relatorio do director da Axencia Estatal Antidopaxe que promoven a Área de Cultura da Deputación e a Fundación Azkar

Francisco Javier Martín del Burgo Simarro presentará a súa conferencia sobre a loita contra a dopaxe no eido deportivo o próximo mércores día 29 de abril

Antonio Veiga asegurou que a formación e a educación son dúas ferramentas moi útiles para previr e loitar contra a dopaxe no deporte O delegado da Área de Deporte da Deputación, Antonio Veiga, presentou este luns a conferencia que o director da Axencia Estatal Antidopaxe, Francisco Javier Martín del Burgo Simarro, impartirá o vindeiro mércores 29 de abril no Salón de Actos do Pazo de San Marcos, un relatorio que se enmarca dentro do programa de actividades deseñado para os próximos meses pola Fundación Azkar. No acto de presentación tamén estiveron presentes o secretario da fundación organizadora, Manuel Vázquez Corredoira, e o xerente do Club Azkar Lugo F.S., Óscar Hermida. Na súa intervención, Antonio Veiga recalcou a importancia da posta en marcha deste tipo de iniciativas que promoven unha práctica saudable das distintas disciplinas deportivas. O delegado da Área de Deporte da Deputación salientou o labor realizado pola Fundación Azkar a través destes foros nos que se pretende debater sobre os últimos acontecementos que afectan directa ou indirectamente o eido do deporte. Nesta liña, Antonio Veiga lembrou que a formación e a educación dos deportistas son dúas ferramentas moi útiles para previr e loitar contra a dopaxe neste ámbito, de aí a importancia e transcendencia da conferencia impartida polo director da Axencia Estatal Antidopaxe, asegurou. Logo disto, Antonio Veiga fixo un chamamento a todos os clubs, entidades e asociacións deportivas para que asistan o próximo mércores ao relatorio de Francisco Javier del Burgo Simarro. Pola súa banda, o secretario da Fundación Azkar, Manuel Vázquez Corredoira, asegurou que o “Foro” da Fundación Azkar pretende converterse nun punto de encontro e nun referente no eido deportivo en todas e cada unha das comarcas lucenses e tamén en toda Galiza. Nesta liña, Vázquez Corredoira destacou que a conferencia do director da Axencia Estatal Antidopaxe profundizará en aspectos de interese para os deportista como é o marco lexislativo que regula a práctica de calquera disciplina deportiva e no que a dopaxe é motivo de sanción.