Deputación de Lugo

Antón Bao inaugura o VII Curso A Arte Galega que organiza o Museo Provincial de Lugo

A relevancia e importancia do barroco en Galiza é o fío condutor dun seminario único no país

Un total de 80 persoas participaron na primeira das cinco xornadas cubrindo a totalidade das prazas ofertadas O vicepresidente primeiro da Deputación, Antón Bao, inaugurou este luns o VII Curso A Arte Galega que organiza o Museo Provincial de Lugo. No acto, Antón Bao estivo acompañado pola directora do museo, Aurelia Balseiro, e tamén polo técnico de Difusión desta mesma institución, Fernando Arribas Arias e a profesora titular de Historia da Arte da Universidade de Santiago de Compostela (USC), Ana Goy Diz, que se encargaron da coordinación das xornadas. Logo disto, o vicepresidente primeiro da Deputación de Lugo deu paso á primeira das conferencias titulada “A forza da imaxe no barroco” pronunciada polo catedrático de Historia da Arte da USC, José Manuel García Iglesias. Na súa intervención, Antón Bao salientou necesidade de seguir “divulgando”, “difundindo” e “potenciando” a posta en marcha de iniciativas como esta que tentan achegar a determinados sectores da poboación -como son os estudantes universitarios, o persoal dos museos ou os profesionais do turismo- á arte do noso país, concretamente a todas as representacións do barroco existentes en Lugo e en toda Galiza. Afondar no seu coñecemento e na súa difusión son dous dos obxectivos que persegue este proxecto que tenta tamén ser unha “canle de transmisión do legado cultural dos nosos antepasados”, asegurou Antón Bao. Nesta mesma liña, o vicepresidente primeiro da Deputación destacou o traballo realizado polo persoal do Museo Provincial de Lugo e dos dous coordinadores do curso, Fernando Arribas Arias e Ana Goy Diz. Os resultados deste traballo plásmanse no “éxito de participación” acadado, xa que, se cubriron a totalidade das prazas ofertadas e se matricularon un total de 80 persoas, asegurou. A isto, hai que sumarlle a participación duns relatores “de prestixio”, tal e como comentou Antón Bao no acto de inauguración das xornadas. A directora do Museo Provincial de Lugo, Aurelia Balseiro, comentara xa na presentación do curso, realizada hai uns días, que a posta en marcha deste seminario pretende dar unha visión da arte galega dende o Paleolítico ata os tempos actuais, incidindo nas manifestacións artísticas existentes en todas e cada unha das comarcas lucenses e, concretamente, no Museo Provincial de Lugo. Balseiro tamén recalcara que durante os vindeiros cinco días as instalacións do museo lucense acollerán o desenvolvemento da segunda parte dun taller dedicado ao barroco, “un estilo artístico con peso e relevancia no país”, titulado “O Barroco en Galiza: A súa Relevancia na Provincia de Lugo: A Forza das Imaxes”. A maiores, cómpre salientar que nesta última edición do Curso A Arte Galega participan profesionais e estudosos cunha ampla traxectoria profesional neste eido como son o catedrático de Historia da Arte da Universidade de Santiago de Compostela, José Manuel García Iglesias, a catedrática de Literatura Española da Universidade da Coruña, Sagrario López Poza, os profesores titulares de Historia da Arte da Universidade de Santiago de Compostela, Ana Goy Diz, José Manuel López Vázquez, Juan Monterroso Montero, Rosa Cacheda Barreiro e Enrique Fernández Castiñeiras, os historiadores Ana Diéguez Rodríguez e Leopoldo Fernández Gasalla, o director do Museo de Pontevedra, Carlos Valle Pérez e os doutores Rosa Vázquez Santos, Francisco Xabier Louzao Martínez, Yayoi Kawamura e Ramón Villares Paz. A organización do seminario solicitou a validación do curso por un crédito de libre configuración para os alumnos das tres universidades galegas (USC, UDC e UV).