Deputación de Lugo

José Ramón Gómez Besteiro, investido novo Presidente da Deputación

Novo Presidente da Deputación Provincial de Lugo

O Salón de Plenos da Deputación provincial acolleu o acto de constitución da nova Corporación provincial no que foi investido o socialista José Ramón Gómez Besteiro como Presidente da institución. O equipo de goberno estará composto polo Partido Socialista, con 11 Deputados, e o Bloque Nacionalista Galego, con 3. Trátase da oitava Corporación provincial na etapa democrática. No seu discurso, o Presidente subliñou que “con humildade asumo o cometido de dirixir o Goberno provincial cun inmenso honor, ilusión e responsabilidade que contraemos o Partido Socialista e o Bloque Nacionalista Galego”. Para Gómez Besteiro “co traballo conxunto de todas e todos e a complicidade dos medios de comunicación lucenses, a provincia de Lugo, esta Bela Dormente que ten unha enorme riqueza e potencial, sairá fortalecida e ocupará o posto que merece”. En nome dos dous grupos abogou por “abrir esta institución á cidadanía e asentar unhas novas bases, tendendo pontes de entendemento entre todas e todos os que estamos implicados no progreso desta provincia” pero destacando que “non son dos que cren que todo volve comezar coa chegada ó goberno da Deputación de Lugo. Na tarefa que os socialistas e nacionalistas emprendemos non debemos, pois, empezar desde cero”. Catro principios marcarán o rumbo da institución: a cooperación cos concellos, a proximidade á cidadanía, a transparencia-neutralidade e o respecto á pluralidade política. O Presidente subraiou despois as prioridades políticas: innovación, calidade e creatividade; a sustentabilidade e o equilibrio territorial; a modernización da Administración local; e todo isto, coordenado na redacción do Plan estratéxico provincial. Acto de constitución A sesión constitutiva foi presidida pola Mesa de Idade, integrada polos Deputados de maior e menor idade, neste caso Antonio Edelmiro Gato Soengas e Lara Méndez López. Como curiosidade, foi a primeira vez, na etapa democrática, que o membro de maior idade era menor de 70 anos e que houbo unha muller na Mesa de Idade. Unha vez formada a Mesa, o Secretario procedeu á lectura dos nomes dos Deputados electos polos Partidos Xudiciais e comprobou as credenciais correspondentes: PARTIDO XUDICIAL DE VILALBA Partido Popular: D. Armando Castosa Alvariño Partido Socialista de Galicia-PSOE: Dª. Regina Polín Rodríguez PARTIDO XUDICIAL DE MONFORTE Partido Popular: Dª. Raquel Arias Rodríguez Partido Socialista de Galicia-PSOE: D. Miguel Ángel Sotuela Vega Bloque Nacionalista Galego:Dª. María José Vega Buján PARTIDO XUDICIAL DE FONSAGRADA Partido Socialista de Galicia-PSOE: D. Ricardo Parada Mariñas PARTIDO XUDICIAL DE MONDOÑEDO Bloque Nacionalista Galego: D. Antonio Veiga Outeiro. Partido Socialista de Galicia-PSOE: Dª. Lara Méndez López D. Melchor Roel Rivas Partido Popular: D. José González Barcia D. Guillermo Leal Arias D. José Manuel Yanes Ginzo PARTIDO XUDICIAL DE LUGO Bloque Nacionalista Galego: D. Xosé Antón Bao Abelleira Partido Socialista de Galicia-PSOE: D. Xosé María Arias Fernández D. Juan José Díaz Valiño D. Claudio Garrido Martínez D. José Ramón Gómez Besteiro D. Manuel Martínez Núñez Partido Popular: D. José Manuel Barreiro Fernández D. Antonio Muiña Pena D. Jesús Carreira Ferreiro D. José Manuel Mato Díaz D. Manuel Jesús González Capón PARTIDO XUDICIAL DE CHANTADA Partido Popular: D. Manuel L. Varela Rodríguez Partido Socialista: D. Antonio Gato Soengas Xuramento O Deputado máis novo da mesa tomou xuramento ó Deputado electo de maior idade e viceversa para, a continuación, proceder ó acto de xuramento ou promesa de todos os Deputados. Unha vez constituída a Corporación provincial, procedeuse á votación secreta do Presidente a través dos votos depositados na urna. Na primeira votación, na que é necesaria a maioría legal absoluta, foi declarado José Ramón Gómez Besteiro como Presidente da Deputación provincial. O Presidente procedeu a xurar o seu cargo para, a continuación, recibir a medalla e o bastón de mando, dándolle así posesión da súa nova responsabilidade. Momentos despois, ocupou a Presidencia e procedeu á lectura final do seu discurso. José Ramón Gómez Besteiro é o terceiro Presidente da Deputación desta etapa democrática e o 102 na historia da institución provincial.