Deputación de Lugo

Formoso e Campos destacan o papel da Rural Tour para “visibilizar o importante traballo das mulleres no sector primario”

As deputacións da Coruña e Lugo financian con 80.000 euros unha feira que amosa os produtos de 44 emprendedoras de toda a comunidadeGonzález Formoso defendeu as políticas orientadas a “apoiar a estas mulleres para que continúen coa labor que contribuíu ao longo de xeracións a construír a Galicia que hoxe coñecemos”Darío Campos considera o evento “unha aposta pola igualdade para dar a coñecer o traballo das mulleres do rural, que cumpren unha triple función: nais e traballadoras do fogar, unha enorme labor social e emprendedoras.Ambos presidentes inauguraron a Rural Tour xunta coa presidenta de Fademur, Rosa Arcos, e a xerente de Marineda City, Ana López

A Coruña, 12 de decembro de 2016. Os presidentes das deputacións da Coruña e Lugo, Valentín González Formoso e Darío Campos Conde, inauguraron hoxe, no centro comercial Marineda City da Coruña, a Rural  Tour 2016, unha feira itinerante promovida pola Federación de Mulleres Rurais (Fademur)  e cofinanciada con 80.000 por ambas institucións provinciais, que percorre distintos puntos da xeografía galega co obxectivo de axudar á comercialización dos produtos de agricultoras, artesás e empresarias do rural.

No acto de inauguración, tamén participaron a presidenta de FADEMUR, Rosa Arcos, e a xerente do centro comercial Marineda City, Ana López, os deputados coruñeses de Economía e Promoción Económica, Antonio Leira e José Luis García, e o vicepresidente da Deputación de Lugo,

González Formoso explicou que o que se pretende con este evento é “visibilizar o importante traballo das mulleres no sector  primario e na artesanía”, ademais de crear un punto de encontro para as profesionais de toda Galicia que favoreza a “creación de lazos e sinerxías entre asociacións, empresarias e produtoras comprometidas cos sectores de maior tradición da nosa terra”.

O presidente provincial  coruñés apelou á necesidade de impulsar “políticas públicas orientadas a apoiar a estas mulleres, facilitando que continúen co traballo que contribuíu ao longo de xeracións a construír a Galicia que hoxe coñecemos”.

Pola súa banda, o presidente da Deputación de Lugo, Darío Campos, subliñou “o importante papel dinamizador do medio rural que desempeñan as mulleres”, das que destacou “a súa capacidade emprendedora a pesares dos obstáculos que teñen que vencer”.

Campos Conde subliñou que “este é un investimento en prol da igualdade, co que queremos visibilizar o traballo das mulleres rurais, que cumpre unha triple función. Sempre exerceron de nais e traballadoras do fogar, levaron e seguen a levar a cabo unha enorme labor social, coidando aos nosos maiores e, ao mesmo tempo, son un exemplo de emprendemento e de saber aproveitar as oportunidades ecomnómicas do rural”.

Rural Tour é una feira itinerante que reúne produtos autóctonos e de artesanía realizados por mulleres do rural. En total, son 44 postos que inclúen dende alimentación e agasallos ata cosmética e xoiería. Trátase dunha iniciativa impulsada por Fademur que conta cun financiamento de 80.000 euros, achegados a medias por ambas deputacións.

A feira Rural Tour amosará a súa oferta na cidade da Coruña dende hoxe ata o domingo 18 de decembro, en horario de 10:00 horas ata as 23:00 horas. A exposición e venda irá acompañada de demostracións en vivo e degustacións dirixidas a toda a familia, incluídos os máis pequenos.

Darío Campos e González Formoso desexáronllles ás participantes que se repetira o éxito de vendas e público acadado en Lugo.

Balance positivo en Lugo

A xira da feira Rural Tour arrincou o pasado 28 de novembro no centro comercial As Termas de Lugo, onde permaneceu aberta ao público durante unha semana. Neste período, recibiu a visita de 4.000 persoas, que efectuaron arredor de 1.000 operacións de venda, por un valor aproximado de  8.000 euros.

A presidenta de Fademur, Rosa Arcos, amosouse moi satisfeita con este balance, tendo en conta ademais que o prezo medio dos artigos de Rural Tour non supera os 15 euros. Ademais de valorar positivamente as cifras de público e de vendas, tamén recoñeceu o éxito organizativo da feira, froito do traballo colaborativo de todas as participantes.

Participantes
- Carmen Fieiras (Concello de Lugo): Cestería                     
- Adega Avo Roxo (Concello de Meaño, Pontevedra): Viños das Rías baixas                     
- Antoxos (Concello de Leiro, Ourense): Xoiería e metacrilato        
- Adega Rozas (Concello de Meaño, Pontevedra): Viños das Rías baixas               
- Cecilia Carballo  (Concello de Triacastela, Lugo): Tear               
- Adega Diego de Lemos (Concello de Chantada, Lugo): Viños ecolóxicos           
- Idoia Cuesta (Concello de Outeiro de Rei, Lugo): Cestería           
- Licores Os Maios licores (Concello de Leiro, Ourense): Licores                                       
- Lucecús (Concello de Guitiriz, Lugo): Feltros                    
- Ginabelle (Concello de Tomiño, Pontevedra): Xenebras              
- Lacrimae Mosa (Concello de Oroso, A Coruña): Xoiería e metacrilato     
- Toupiña (Concello de Lalín, Pontevedra): Cervexas                                 
- Traxandaina (Concello de Lugo): Traxes tradicionais                   
- Domenicus (Concello de Lugo): Cervexas                                                 
- Tres caracoles (Concello de Lugo): Marroquinería e metacrilato  
- Peroja sidra de agar (Concello de A Estrada, Pontevedra): Sidras                                   
- Imavi (Concello de Vilalba, Lugo): Bixutería en arxila polimérica e metacrilato 
- Aceites Figueiredo (Concello de Ribas do Sil, Lugo): Aceites                                         
- Yan-llan (Concello de Viveiro, Lugo): Bixutería con cunchas e metacrilato        
- Lacteos Conchy (Concello de Friol, Lugo): Queixos e leite                                  
- La Aguada (A Coruña): Esmaltes e metacrilato      
- Muuhulloa (Concello da Ulloa, Lugo): Cosméticos de leite          
- Maravalla (Concello de Ribadeo, Lugo): Bixutería de fimo e metacrilato
- Dona cobiña (Concello de Agolada, Pontevedra): Queixos                                             
- O mestizo (Concello de Lugo): Marroquinería e metacrilato         
- Caurelor (Concello de Quiroga, Lugo): Marmeladas, zumes, siropes e licores                 
- Beatriz Soneira (Saniago de Compostela, A Coruña): Encaixes de camariñas                
- Ananos organic berries (Concello de Cotobade, Pontevedra): Marmeladas e zumes       
- Mamá Teresa, doces artesáns (Concello de Arzuá, A Coruña): Chocolates                      
- Sesé Vila (Concello de Monforte de Lemos, Lugo): Cerámica e encaixes           
- Susana Ouro (Concello de Lugo): Produtos da horta                                                        
- Embutidos Suarna (Concello de Navia de Suarna, Lugo): Embutidos                              
- Cárnicas Raposo (Concello de Dumbría, A Coruña): Embutidos                                       
- Porco celta do Barbanza (A Barbanza, A Coruña): Embutidos                                         
- Monte O Carballo  (Concello de Friol, Lugo): Embutidos  
- Casa Gallego (Concello de Lugo): Publicidade sobre a casa rural                       
- Panadería O Agro (Concello do Páramo, Lugo): Pan                                           
- Panadería Nullán (Concello de As Nogais, Lugo): Pan                 
- Concepción Jorge González (Concello de Chantada, Lugo): Mel                                   
- Milhulloa (Concello de Palas de Rei, Lugo): infusións e especias                                   
- Cañitas de la abuela (Concello de Tomiño, Pontevedra): Doces                                     
- A Pequeniña (Concello de Arzúa, A Coruña): Doces