Deputación de Lugo

Gómez Besteiro entrega a insignia de ouro da provincia ó equipo de Sergio Vallejo, campión de España de rally

Imaxe deputación de lugo
O Presidente da Deputación felicitou ó equipo de Nupel Team e destacou que “agora toca mirar ó futuro e consolidar este éxito. Temos que arrancar novos proxectos que sexan un referente para Galicia, para España e o para o mundo”

A escadra liderada polos irmáns de Meira é o primeiro equipo galego que consegue o título nacional O Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, entregou este venres a insignia de ouro da provincia ós campións de España de Rally de Asfalto, Sergio e Diego Vallejo. Gómez Besteiro destacou que “sen dúbida o deporte de Lugo e o galego en xeral está de noraboa. Para a Deputación é un motivo de satisfacción outorgarlle esta distinción a dous dos deportistas máis importantes que ten a provincia e, porque non dicilo, tamén de España”. No acto, no que tamén participaron o Vicepresidente Primeiro, Antón Bao, e o xerente e director de Nupel –equipo patrocinador dos automobilistas-, Jorge Dorribo e Luis Moya, o titular provincial subliñou que os irmáns Vallejo son o primeiro equipo galego que conseguiu o título nacional. Neste senso indicou que “agora toca mirar ó futuro e consolidar este éxito. Temos que arrancar novos proxectos que sexan un referente para Galicia, para España e o para o mundo”. Gómez Besteiro sinalou a importancia de que as administracións se impliquen nos proxectos deportivos da provincia. “Aínda que empecemos con pouco é importante saber de onde vimos a onde vamos. E nese anhelo a Deputación tratará de poñer en marcha proxectos coma este para seguir sentíndonos orgullosos de ser lucenses”. O Vicepresidente Primeiro indicou que “este é un éxito para toda a provincia, que esperemos que no futuro se extenda a nivel mundial. Tamén é un reflexo do que acontece nas institucións: os equipos traballan xuntos para conseguir moitos triunfos”. Pola súa banda, o director de Nupel, Jorge Dorribo, agradeceu ó organismo provincial o apoio a este proxecto “porque sin su aliento tampoco llegaría al fin que ha conseguido. Siempre han estado a nuestro lado. Este homenaje que le hacen a los pilotos también es para ellos porque desde que empezamos a poner el primer tornillo de este coche, siempre non han dicho que para adelante”. O equipo de campións salientou que “xunto coa Deputación fomos capaces de traer un título a Lugo, a Galicia. Sentímonos moi orgullosos de que a nosa provincia acolla este galardón por primeira vez na Comunidade” Campionato de España Sergio Vallejo converteuse o 7 de novembro no primeiro galego que consegue o campionato de España de rally de asfalto. O piloto lugués alzouse co título na Costa Brava despois de que Miguel Fuster tivese que abandonar a competición a causa duns problemas no seu vehículo. O piloto de Meira coronouse como campión ó volante dun Porsche 911 GT3. A escadra liderada por Vallejo foi medrando profesionalmente nos últimos anos. En 2007 foi terceiro e segundo, e igualado en puntos co campión de 2008.