Máis de 60 nenos descubren a Reserva da Biosfera Terras do Miño no Centro de Interpretación da Deputación no Río Rato
Máis de 60 nenos visitaron este luns o Centro de Interpretación da Deputación no Río Rato, e descubriron o valor natural, etnográfico, histórico, e cultural da Reserva da Biosfera Terras do Miño. Os rapaces, de entre 4 e 15 anos e pertencentes ao Concello de Guítiriz, coñeceron mediante proxeccións audiovisuais a riqueza floral e a variedade animal da zona. Da mesma forma, obtiveron máis información sobre o bosque, o río, as distintas artes de pesca, e ata as técnicas artesanais que se empregan nas localidades que integran á Reserva da Biosfera Terras do Miño, nun percorrido polas salas do Centro. Logo desta primeira parada, os cativos achegáronse ata o Centro de Producción e Programas da Fundación Tic, dependente da Deputación, onde puideron ver as instalacións e os medios para elaborar contidos audiovisuais. O Concello de Guítiriz organiza dende hai anos unha viaxe pola provincia durante as vacacións do Nadal dentro dos actos organizados polo municipio nestas datas. Este ano, o equipo de goberno desta localidade decidíu mostrar as rapaces a riqueza medioambiental da provincia e a importancia das novas tecnoloxías. A visita prolongouse durante todo o día xa que, logo dun xantar, os nenos foron ao cine e viron distintas películas de animación. Mañá, Guitiriz pechará a programación de actividades para os máis cativos coa cabalgata de Reis Magos. Da mesma forma, nesta mesma xornada o Concello fará entrega das becas de transportes, unha iniciativa valorada en máis de 4 mil euros que premia con bonos aos mozos que se desprazan en transporte público.