Deputación de Lugo

Gómez Besteiro solicita unha entrevista con Feijóo para desbloquear as transferencias hospitalarias

Imaxe deputación de lugo
O Presidente da Deputación realizou esta petición por escrito, xa que o prazo para decidir sobre o proceso do traspaso rematou o pasado venres

Na xuntanza mantida co Presidente autonómico o 20 de outubro, o titular provincial solicitou a implicación da Xunta en asuntos como o Centro de Recría e brindoulle a colaboración do Plan Estratéxico que será presentado mañá O Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, vén de solicitar por escrito unha entrevista urxente con Presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, para desbloquear a transferencia dos hospitais provinciais de San José e San Rafael ó SERGAS. Gómez Besteiro realizou esta petición, xa que o prazo para decidir sobre o proceso de traspaso dos centros sanitarios rematou o pasado venres. O 20 de novembro foi a data acordada na reunión que o titular provincial mantivo co responsable autonómico en Santiago de Compostela para determinar en que condicións se faría o traspaso de responsabilidades dos hospitais. Naquela xuntaza, Gómez Besteiro fixou a posición da Deputación nos tres aspectos que inclúe o traspaso dos centros sanitarios -inmobles, traballadores e pacientes-, quedando á espera de que no prazo dun mes se desbloquease o proceso. A parte das transferencias hospitalarias, no encontro o Presidente do organismo provincial tamén solicitou a implicación da Xunta de Galicia noutros asuntos de máxima prioridade para Lugo. Son necesidades que non teñen outras provincias e que co cambio de goberno se viron ralentizadas. Neste senso, Gómez Besteiro fixéralle chegar a Feijóo un amplo dossier con estes temas. É o caso do Centro de Recría que a Deputación construirá en 2010 na Granxa Gayoso-Castro, a rede provincial de bombeiros, a necesidade de chegar a unha solución para o Centro Cinexético e Piscícola de Galicia, ou a titularidade das estradas. Na xuntanza, o máximo mandatario provincial tamén lle brindara a colaboración do Plan Estratéxico da provincia que a Deputación redactou xunto con Caixa Galicia, e que será presentado mañá mércores no Pazo de San Marcos.