Deputación de Lugo

A Deputación pon en marcha o novo alumeado das pontes da Chanca e Penoucos

Imaxe deputación de lugo
O Presidente da Deputación e o Alcalde da cidade supervisaron as actuacións que retomou o organismo provincial, e nas que se investiron preto de 100.000 euros

Trátase dun proxecto que a anterior Corporación provincial prometera en 2006, cun prazo de execución de 3 meses, e que paralizou deixando o 80% sen facer O Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, e o Alcalde de Lugo, José López Orozco, inauguraron este luns o alumeado das pontes da Chanca e Penoucos. Trátase dun proxecto co que se comprometera a anterior Corporación provincial en 2006, e que paralizou deixando o 80% sen executar. Gómez Besteiro subliñou que “hoxe vemos finalizadas unhas actuacións que viñan reclamando os veciños dende hai anos. A Deputación retomou e complementou esta iniciativa a que adicamos preto de 100.000 euros. Trátase dunha iniciativa que se enmarca dentro desa intensa línea de cooperación co Concello de Lugo na que, pese a quen lle pese, seguiremos traballando moito e ben”. O anterior equipo de Goberno aprobara o proxecto de alumeado das pontes sobre o río Rato-Fervedoira nos accesos ás zonas de Penoucos e A Chanca en outubro de 2006, establecendo un prazo de execución de 3 meses, e un investimento de 82.000 euros. As obras comezaban en febreiro de 2007 aínda que, logo de 4 meses de traballo, paralizábanse deixando tan só o 20% do total executado. O actual equipo de Goberno da Deputación retomou e complementou esta iniciativa, ampliando o orzamento ata os 100.000 euros para a instalación de 50 puntos de luz. Despois de que organismo provincial finalizaba as actuacións na ponte de Penoucos, comezaba coas do barrio da Chanca. En total, o organismo provincial fíxose cargo do 80% do proxecto. O titular do organismo provincial salientou que “despois de anos de abandono e espera, a Deputación cumpre coa palabra dada, e fai realidade este proxecto que contribúe en embelecer os barrios da cidade”. Pola súa banda, o Alcalde da cidade puxo en valor o importante traballo levado a cabo pola Deputación “nun barrio emblemático da cidade, parte do Camiño de Santiago e que, polo tanto, cumpre unha circunstancia doblemente importante: a celebración do Xacobeo, e a de Lugo10”. López Orozco referiuse ademais aos máis de 98 millóns de euros de investimento feito nos barrios da cidade nos últimos anos, e ás 79 actuacións levadas a cabo en 2009 con cargo ao FEIL que “permiten avanzar na consecución dunha cidade moderna á altura doutras cidades”, indicou. 180.000 euros en zonas verdes O organismo provincial tamén se fai cargo da xestión das zonas verdes do río Rato, A Chanca, e A Tolda, o que supón o coidado e mantemento de máis de 236.000 metros cadrados nos que se investiron durante o 2009 máis de 180.000 euros. Asimesmo, SUPLUSA subvenciona 250 hortos individuais entre o río Rato e a Ponte de Paradai co obxectivo de dinamizar as zonas verdes, e darlle un uso sostible. Para elo, a Deputación traballa en colaboración coa a Federación de Asociación de Veciños de Lugo, adxudicataria do concurso. Trátase dunha iniciativa que outros Concellos están a copiar, e a través da cal un monitor subministra tanto a planta, semente, como a ferramenta de traballo, ademais de asesorar e axudar aos labregos urbanos, na iniciación ao cultivo de hortícolas, flores, plantas medicinais ou aromáticas. Da mesma forma, en outubro a Deputación puxo en marcha en colaboración coa Sociedade Española de Cardiología (SEC), e coa Sociedade Galega de Cardiología, o 1º Paseo Cardiosaudable de España. Trátase dunha iniciativa que xurdiu logo da visita a Lugo de prestixiosos cardiólogos da FEC (Fundación Española do Corazón) e da SEC, con motivo da presentación do programa Km0 a Compostela. A Deputación aproveita o feito de que este treito do paseo do río Rato esté próximo a zona de peregrinación para impulsar o ecoturismo, medio ambiente, gastronomía, cultura, tradición e economía, ao tempo que axuda a concienciar aos cidadáns da importancia de levar unha vida saudable.