Deputación de Lugo

A Deputación renova as axudas a autónomos das que se beneficiarán 400 empresarios da provincia

Imaxe deputación de lugo
A Comisión Executiva do INLUDES aprabará o vindeiro luns as axudas do programa de Apoio ó Tecido Empresarial dotado con 700.000 euros

O organismo provincial subvencionará gastos correntes deste colectivo, que representa o 62% do tecido empresarial da provincia A de Lugo convértese nunha das poucas Deputacións de España que impulsa un programa destas características, co que aforra custes ós autónomos e lles axuda a manter os seus negocios nun momento de crise económica como o actual O Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, e a Vicepresidenta Segunda, Lara Méndez, presentaron este venres as axudas do Programa de Apoio ó Tecido Empresarial, das que se beneficiarán uns 400 empresarios da provincia. O Instituto de Desenvolvemento Económico e Social (INLUDES) aprobará o vindeiro luns as subvencións. Gómez Besteiro subliñou que “a Deputación de Lugo está cos autónomos da provincia. Dado o éxito de convocatoria que acadamos en 2008, decidimos repetir a iniciativa este ano co obxectivo de que este colectivo, que representa a base da economía de Lugo, acade un maior desenvolvemento económico e unha maior calidade no emprego.” Destas axudas beneficiaranse uns 400 empresarios que teñen que reunír as seguintes condicións: desenvolver a súa actividade na provincia, cumprir a condición de PEME e obtiver en 2008 unha renda neta inferior ó Indicador Público de Renda de Efectos Múltiples (IPREM) anual, que se cifra en 7.236 euros. Con estas axudas, a Deputación subvencionará gastos correntes deste colectivo, tales como recibos de luz e teléfono, seguros, aluguer, etc. “Deste xeito, a diferenza do que acontece con outro tipo de subvencións, non só lles aforramos cartos ós autónomos, senón que lles axudamos a manter o seu negocio e os seus postos de traballo; algo que non é unha cuestión menor tendo en conta o momento de crise económica que vivimos”. O titular provincial explicou que a esta iniciativa o INLUDES destina 700.000 euros. É un programa moi realista, moi práctico e elaborado desde o sentido común, xa que se subvencionará ata 100% destes gastos ata un máximo de 3.000 euros por autónomo, “polo que nos convertemos nunha das poucas Deputacións de España que impulsa unha medida destas características”. Como mostra do éxito do Programa, Gómez Besteiro e Lara Méndez, elexiron un edificio que foi rehabilitado grazas ás axudas concedidas en 2008 polo organismo provincial. O propietario do inmoble é un autónomo e arquitecto, que recibiu 7.000 euros cos que remodelou unha casa de tres plantas, con máis de 300 anos de antigüidade, para convertelo no seu estudo de arquitectura. Un dos piares da economía lucense O 1 de agosto de 2009 a provincia de Lugo rexistrou 39.876 afiliacións á Seguridade Social na modalidade de autónomos, o que representa o 30% das cotizacións na nosa provincia. Este colectivo representa o 62% do tecido empresarial lucense, é dicir, das aproximadamente 25.000 empresas que hai na provincia, unhas 15.600 teñen como condición xurídica a persoa física. “Por tanto, a Deputación volve a demostrar que é útil á provincia e ós autónomos, mellorando o rendemento e a produtividade deste colectivo”. Esta medida completa outras actuacións que a institución provincial puxo en marcha para impulsar o tecido empresarial da provincia como o Programa de Empresa e Sucesión Familiar; o Fondo Extraordinario da Deputación complementario do Plan E de Zapatero; o “Plan Deputación”, do que se falará nas vindeiras semanas e co que a institución provicial duplicará o investimento ordinario en obra pública previsto para o 2 próximos anos; e o propio Plan Estratéxico de Subvencións de 2009 do INLUDES, dotado con 1,6 millóns de euros e destinado a reactivar a economía provincial. O día 7 aprobaranse as bases destas axudas e a mediados de setembro comezará o prazo de solicitude. O vindeiro luns colgaranse as bases na páxina web da Deputación.