Deputación de Lugo

Artesáns de toda España amosan o seu interese pola feira de Artesanfroilán

Imaxe deputación de lugo
Lara Méndez inaugurou a XIII edición desta mostra coa participación de 26 expositores “da maior calidade”

A mostra inclúe novidades no “stand” de Km0 con sorteos diarios de produtos autóctonos A Vicepresidenta Segunda da Deputación de Lugo, Lara Méndez, acompañada do alcalde de Lugo, José López Orozco, a Concelleira de Cultura, Concepción Burgo, e o Subdelegado do Goberno lucense, José Vazquez Portomeñe, inaugurarou este sábado a XIII edición da feira de Artesanfroilán, organizada polo Centro de Artesanía e Deseño, dependente da institución provincial. Méndez, salientou o “esforzo realizado dende o CENTRAD, xa que un ano máis, e coincidindo cos festexos do San Froilán, Lugo acolle unha mostra que pon en valor a riqueza patrimonial, que mantén e potencializa a artesanía galega e a luguesa en particular”. Méndez incidiu en que “ Artesanfroilán é ademais unha feira con recoñecemento estatal, xa que nesta edición, máis de 70 artesáns de todos os puntos do país, dende Castela e León e ata Andalucía, amosaron o seu interese”. Neste senso, a Vicepresidenta Segunda do organismo provincial destacou “a complexidade de elixir os expositores “da maior calidade, entre as ducias de solicitudes recibidas para participar nesta mostra”. Da mesma maneira, o Alcalde de Lugo, José López Orozco, agradeceu a Deputación e o INLUDES que “co seu traballo, outro ano máis a capital lucense acolle o mellor da artesanía, un traballo con imaxinación que sae das mans destes artistas”. Artesanfroilán acolle na súa XIII edición 26 “stands” que se ubican na praza Anxo Fernández Gómez dende hoxe e ata o 12 de outubro. Artesáns de galegos e asturianos poñen á venda pezas de encaixes, arranxos florais, cartón-pedra, oleiría, vidro, marroquinería, metalistería, pratería, bonequería, xoguetes, téxtil, talla de madeira, serigrafía e xoiería. A Vicepresidenta quixo ademais desculpar ao Presidente da Deputación pola súa ausencia neste acto “debido a coincidencia co día forte do San Froilán en Barcelona”. Novidades no “stand” de Km0 a Compostela A comitiva oficial aproveitou a ocasión para percorrer os postos instalados na mostra e conversar cos participantes para coñecer de primeira man a súas impresións. Lara Méndez visitou o “stand” de Km0 a Compostela onde se ofrece información sobre as rutas de peregrinación á capital galega e que discorren pola provincia lucense. Esta é unha iniciativa que converte a Deputación na primeira institución provincial cunha programación estable e previa á cita do Xacobeo 2010. Este ano ademais, incorporouse ao “stand” unha novidade: o sorteo diario de varios lotes de produtos autónomos galegos dentro da campaña do organismo provincial Lugo Sabe. Nas instalacións de Km0 a Compostela haberá unha urna onde os clientes de Artesanfroilán poderán introducir os seus datas para participar no sorteo. A maiores, os días 5, 10, 11 e 12, tamén se sorteará unha cesta cunha grande variedade de produtos galegos. Horarios e datas Artesanfroilán estará instalado na Praza de Anxo Fernández Gómez ata o 12 de outubro co seguinte horario: - os días 3, 6, 7, 8 e 9 de outubro: de 11:00 horas a 14:00 horas e de 17:00 á 21:30. - os días 4, 5, 10, e 11 de outubro: de 11:00 horas a 15:00 e de 17:00 horas á 22:00. - o 12 de outubro: de 11:00 horas a 15:00 e de 17:00 a 21:00.