Deputación de Lugo

O Presidente da Deputación inaugura a exposición 3+3 Vigo na Capela de Santa María

Imaxe deputación de lugo
A mostra, que permanecerá aberta ó público ata o 8 de novembro, forma parte da programación das festas do San Froilán

O Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, inaugurou este xoves na Capela de Santa María a exposción “3+3 Vigo. Xeración dos 50” nun acto ó que asistiu numeroso público. A mostra, que estará aberta ata o 8 de novembro, reúne obras de pintura e de escultura de 6 artistas pontevedreses que teñen como denominador común ter nado na década dos 50: Camilo Camaño, Victoria Fernández-Novoa, Antonio Abad, Andrés Conde, Rafa Calvo e Mingos Teixeira. Gómez Besteiro, que na inauguración estivo acompañado polo Alcalde de Lugo, José López Orozco, dixo que con iniciativas coma esta “convertemos esta Sala de exposicións da Capela de Santa María no referente das últimas tendencias non só de Galicia e de España senón tamén a nivel internacional. Colocamos Lugo no mapa, e abrimos a muralla que temos diante a toda Galicia”. Puxo coma outro exemplo a exposición “Borde Sur”, a través da que Lugo foi a primeira cidade que acolleu esta mostra de grandes artistas uruguaios, por diante doutras como Madrid, Barcelona ou mesmo Nova York. O responsable provincial tamén destacou que “potenciamos a colaboración entre os Centros de Artesanía e Deseño dependente da Deputación e o Centro de Artesanía Tradicional de Vigo e estreitamos lazos entre as dúas cidades, que representan a Galicia atlántica e a Galicia interior. Deste xeito, favorecemos que os artistas vigueses amosen o seu traballo en Lugo, e que os lugueses se dean a coñecer fóra da nosa provincia” Para o titular do organismo provincial “tamén é moi importante a colaboración co Concello de Lugo na promoción do San Froilán, xa que esta mostra forma parte da programación cultural que se ofrecerá ós milleiros de persoas que se achegarán a Lugo durante os festexos patronais”. “3+3 Vigo. Xeración dos 50” reúne obra dun grupo caracterizado polo seu eclecticismo. Son 6 artistas con tendencias moi diferentes que compartiron unha mesma xeografía, clima e cultura na súa época de formación, unha orixe común deu como resultado obras tan diversas como as que se amosan na nesta mostra.