Deputación de Lugo

Responsables da Fundación para o Desenvolvemento da Artesanía Canaria visitan o CENTRAD

A visita é froito dos contactos mantidos no Primeiro Encontro de Centros de Artesanía de España e Portugal

Responsables da Fundación para a Etnografía e o Desenvolvemento da Artesanía Canaria visitaron este venres as instalacións do Centro de Artesanía e Deseño dependente da Deputación de Lugo. O director técnico da Fundación insular, Eduardo Grandío de Fraga, e a directora xerente, Caridad Rodríguez Pérez-Galdós, percorreron os distintos obradoiros que forman parte do CENTRAD. Loubaron especialmente o traballo desenvolvido en relación ós instrumentos musicais, desde a investigación e a reprodución de pezas do Pórtico da Gloria ata a exposición permanente. Esta visita é froito do primeiro encontro de Centros de Artesanía de España e Portugal que se celebrou hai dous meses en Valladolid, e no que houbo intercambio de experiencias entre os organismos participantes e se estableceron contactos para colaborar en diversas actividades. A Fundación para a Etnografía e o Desenvolvemento da Artesanía Canaria, dependente do Cabildo de Gran Canaria, mantén abertas liñas de subvención ós artesáns da illa e realiza traballos de investigación e de promoción da artesanía local e dos oficios artesanais.