Regina Polín destaca a colaboración da Deputación na organización da maior feira do moble de Galicia en Lugo
![Imaxe deputación de lugo](/sites/deputacionlugo.org/files/default_images/depulugo001.jpg)
A Deputada de Economía e Facenda, Regina Polín, o Alcalde de Lugo, José López Orozco, o presidente da Federación de Comercio Galega, José María Seijas, e o director de FIMOBLE, Juan Carlos López, presentaron este mércores na Casa do Concello a I Edición da Feira do Moble de Lugo. A Feira do Moble de Lugo, que terá lugar do 13 ao 16 de maio de 2010 no Pazo de Feiras e Congresos de Lugo, ocupará 10.000 metros cadrados expositivos, converténdose na principal e maior feira do moble de Galicia. A feira diríxese exclusivamente a profesionais do sector: fabricantes, distribuidores, importadores, exportadores, asociacións, empresas e organismos oficiais relacionados. Os visitantes profesionais poderán avaliar a oferta e as últimas novidades e tendencias en mobiliario oficial, auxiliar, de xardín, de terraza, de tapizado, colchonería, mobiliario xuvenil, iluminación e complementos de decoración. Contará coa participación dun centenar de expositores do mercado do moble nacional e internacional. Estímase que máis de 1.000 persoas estarán aloxadas na cidade o que repercutirá na economía lucense. O Alcalde indicou que neste momento o importante é que consumamos responsablemente pero que consumamos para reactivar a economía. Ademais, López Orozco indicou a importancia desta feira que promocionará a nosa cidade e a súa Muralla ao levar o emblema de Lugo a máis de 32.000 puntos de venta de mobles. Como indicou Regina Polín, esta cita sumánse as celebracións do Décimo Aniversario da Muralla como Patrimonio da Humanidade e o Xacobeo; dous acontecementos únicos nos que sumamos esforzos estamos a crear riqueza na nosa provincia nun momento no que, máis ca nunca, debemos traballar xuntos. Máis información en www.fmlugo.com