Deputación de Lugo

As Covas do Rei Cintolo serán visitadas por primeira vez con Km0

Imaxe deputación de lugo
47 solicitantes individuais redescubrirán a que é a maior cavidade crástica de Galicia, descuberta a finais do século XIX

As xestións realizadas pola Deputación, Concello de Mondoñedo e a Federación Galega de Espeleoloxía permitiron a reapertura das Covas no mes de abril, e que fosen incluídas no programa medioambiental Preto de 300 persoas participan esta semana nas seis rutas organizadas dentro de Km0 O programa medioambiental e de visitas institucionais á provincia km0 ofrece a posibilidade ós lucenses de percorrer as Covas do Rei Cintolo, situadas no Concello de Mondoñedo. 47 solicitantes individuais serán os encargados de inaugurar esta ruta o mércores, 3 marzo, que inclúe ademais da visita á gruta, un percorrido polo casco histórico. As xestións realizadas a tres bandas polo organismo provincial, Concello e Federación Galega de Espeleoloxía permitiron a reapertura da cavidade no mes de abril e, por tanto, que se puidese incluir esta ruta no programa que promove o organismo provincial. Ata ese momento, os participantes na iniciativa tan só podían subir ata a gruta sen poder adentrarse no seu interior. Grazas o labor da Deputación, tanto os participantes de Km0 como todas as persoas que o desexen poden visitar a maior cavidade crástica de Galicia, descuberta a finais do século XIX polo arqueólogo mindoniense José Vilaamil. Foi a comezos de 2006 cando o Concello mindoniense recibiu unha orde xudicial que lle ordenaba suspender estas visitas, tal e como esixía a Federación Galega de Espeleoloxía. Tivo que chegar o actual equipo de goberno presidido por José Ramón Gómez Besteiro para que en 2008, respondendo á petición da entidade local e da Federación, o organismo provincial acordase retirar o proxecto e iniciar os trámites de resolución do contrato coa empresa adxudicataria e iniciar o desbloqueo do contencioso. O conflito quedou pechado logo de que a Xunta de Goberno provincial aprobase en decembro de 2008 a retirada do proxecto das obras de acondicionamento que a Deputación ía levar a cabo no interior da cavidade. Outras rutas para esta semana O Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, recibiu este martes a un grupo da Asociación “Rente ao mar ese camiño” de Foz e a outro do Clube Cultural Valle Inclán de Lugo, dentro de Km0. En total, 295 persoas participarán esta semana nas 6 rutas do programa medioambiental. Os 48 integrantes da asociación mariñana desprazáronse ata a Ribeira Sacra, onde fixeron a ruta de sendeirismo ata Pena do Castelo e embarcaron en Doade para facer un percorrido en catamarán por Amandi. Asimesmo, os 48 membros do Clube lugués viaxaron ata o Courel, onde coñeceron os Castros da Torre e de Vilar, así como o pobo de Seceda. O mércores, ademais dos 47 solicitantes individuais que inaugurarán a ruta das Covas do Rei Cintolo, 48 veciños de Ribas de Sil redescubrirán os Canóns do Sil cun percorrido en catamarán por Amandi. Tamén farán a ruta de sendeirismo ata Pena do Castelo e visitarán a Adega Regina Viarium. O xoves, 48 integrantes da Asociación “Os Ferreiros” de Santa Comba (Lugo) optarán tamén pola Ribeira Sacra. Nesta zona da provincia embarcarán en Doade, visitarán a adega Regina Viarium e farán a pé a ruta do mirador de Pena do Castelo. Ese mesmo día, 55 membros da Asociación de Inmigrantes de Sarria decantaranse polo Concello de Ribadeo, onde visitarán o Centro de Cultivos Mariños, o Mosteiro das Clarisas e farán unha travesía marítima pola ría.