Deputación de Lugo

A Deputación inviste máis 265.000 euros na mellora de accesos en Paradela dentro do canon

Imaxe deputación de lugo
Gómez Besteiro pecha co Alcalde deste Concello as actuacións incluídas nestas anualidades e salda os dous terzos da débeda total, que ascende a preto de 400.000 euros

O titular provincial anuncia que os técnicos provinciais realizarán os proxectos, xa que o obxectivo da Deputación é contratar as obras canto antes O Presidente subliña que os acordos cos Alcaldes sempre se producen buscando a unanimidade. O canon é unha cuestión que nos tivo ocupados todo o ano pasado, e en moitos Concellos xa se está vendo obra O máximo mandatario provincial entrega o Plan de Sectorización que deberá agora aprobar este Concello para comezar as obras do polígono industrial O Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, desprazouse este mércores ata Paradela para pechar co Alcalde deste municipio, José Manuel Mato Díaz, as obras que o organismo provincial levará a cabo neste Concello con cargo ás anualidades 2008 e 2009 do canon, e que suman 265.590 euros. Esta cantidade é o resultado do reparto establecido pola Deputación en colaboración co Laboratorio do Territorio do Departamento da Enxeñería Agroforestal da Universidade de Santiago de Compostela, e corresponde ós dous terzos da débeda total do canon que ascende a 398.385 euros, e que o organismo provincial fará efectiva neste ano. Gómez Besteiro subliñou que estamos a punto de pechar o canon con todos os Concellos que, como Paradela, contan con produción hidroeléctrica e non teñen unha sentenza legal que nos obrigue a cumprir con esta débeda histórica. Tan só nos falta Guntín, e neste municipio pronto se comezarán a executar as actuación planificadas. O Plan de Obras para este Concello inclúe a rexeneración de varios núcleos rurais. Deste xeito, o organismo provincial levará a cabo a mellora dos accesos do Cruce, na estrada que vai de Vilacaíz a Valmigallos; do cruce de Lagüela (Mazo) ata o límite con Sarria; da localidade de Cubela, na parroquia de Aldosende; e de Cortiñas de Barán a Monte de Lagüela; así como a pavimentación do lugar de Delle (Ferreiros). Gómez Besteiro destacou que os acordos cos Alcaldes sempre se producen buscando a unanimidade. O canon é unha cuestión que nos tivo ocupados todo o ano pasado, pero agora estamos concluíndo todos os acordos cos Concellos, e en moitos xa se está vendo obra. En Paradela seguiremos o mesmo proceso, xa que os técnicos da Deputación desprazaranse nos vindeiros ata este Concello para realizar as medicións oportunas e así iniciar canto antes a contratación das actuacións que levaremos a cabo. Pola súa banda, Mato Díaz agradeceulle ao Presidente a súa visita institucional a este municipio que, de seguro dará os seus frutos porque axuda a superar as dificultades que estamos a atravesar. Da mesma forma, o Alcalde incidíu no feito de que a Deputación contase cos interese do Concello para pechar as obras do canon. Estas actuacións chegan nun bo momento, e como dice o dito: nunca es tarde cuando el dicho es bueno, subliñou. Ademais de Paradela, o Presidente da institución provincial xa pechou as obras correspondentes ás dúas primeiras anualidades do canon nos Concellos de Negueira de Muñiz, Fonsagrada, Taboada, Saviñao, Sober, Monforte de Lemos, Pobra de Brollón, Pantón, Quiroga, Ribas de Sil, Portomarín, O Páramo e Carballedo. Máis investimentos en Paradela Gómez Besteiro fíxolle entrega ó Alcalde do Plan de Sectorización que deberá agora aprobar este Concello para comezar as obras do polígono industrial que desenvolverá a Sociedade Urbanística Provincial (SUPLUSA) en Paradela. A infraestrutura situarase nas inmediacións do campo de fútbol, a ámbalas dúas marxes dunha estrada provincial. Terá unha superficie de maís de 320.000 metros cadrados e un presuposto que rondará os 2 millóns de euros. A Deputación está a realizar outros investimentos neste municipio a través de diferentes Plans. É o caso do de Comunidades Veciñais de 2009, a través do que a este Concello lle corresponderon 21.410 euros. Por outra banda, Paradela está integrado na zona 12 do Plan de Conservación Integral das Estradas Provinciais. O mantemento dos 54,8 quilómetros foi adxudicado en 2009 por un importe de 138.508 euros. Este Concello tamén acomete a xestión do desbroce das vías que son da Deputación, o que supón un custe para esta institución de 9.692 euros.