Deputación de Lugo

Gómez Besteiro louba a figura de Severino Rivas Barja, ex alcalde de Castro de Rei asasinado na Guerra Civil

O Presidente da Deputación participou na presentación do libro “Autobiografía de Darío Rivas Cando” editado pola institución provincial

O Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, participou este sábado no acto de reparación moral a Severino Rivas e presentación do libro “Autobiografía de Darío Rivas Cando”, editado pola Deputación. Gómez Besteiro, que amosou a súa satisfacción por asistir ó evento, destacou que “coincidirán comigo en que Severino non pode ser xulgado por traición á patria, porque os verdadeiros traidores foren eles derrocando a un goberno local elexido democraticamente polo pobo. Severino Rivas foi posto en liberdade o 29 de outubro de 1936 e ese mesmo día entregado ós asasinos. El perdeu a vida e os fillos ó seu pai”. Darío Rivas Cando é fillo do que foi Alcalde de Castro de Rei durante a República e asasinado inxustamente polos falanxistas en Cortapezas (Portomarín) no ano 1936. Reside en Bos Aires e pasou case sesenta anos buscando os restos do seu proxenitor, que perdeu a vida a causa de varios tiros nunha cuneta e foi soterrado nunha fosa común situada detrás da igrexa de Cortapezas. Os restos mortais de Severino Rivas, atopados no verán de 2005 polo seu fillo, repousan en Loentia (Castro de Rei). “Agora é de xustiza que se realice unha reparación moral na honra dun cidadán que viviu entregado para o Concello no que nos atopamos, e que foi vítima do desastre da guerra incivil, tal e como a denominaba o escritor Miguel de Unamuno”, sinalou o Presidente da Deputación. O evento tamén contou coa participación do Alcalde de Castro de Rei, Juan José Díaz Valiño, o Subdelegado do Goberno, Jesús Otero, o Delegado Provincial da Consellería de Presidencia, Luis Rodríguez Edrosa, o fillo do protagonista do libro, Darío Rivas Cando, o coordinador da edición, Xosé Manuel Carballo, ademais de familiares do homenaxeado. A Deputación de Lugo foi a encargada da edición do libro que reflicte a triste e cruda realidade que tiveron que sofrir os españois naquela época, e que conta cun apunte biográfico redactado polo Deputado de Cooperación cos Concellos e concelleiro de Castro de Rei naquel momento, Antonio Gato Soengas, no ano 1993 para a moción presentada polo grupo socialista co fin de promover unha homenaxe municipal. O máximo mandatario provincial subraiou que “ó labor levado a cabo por Darío e a actitude do seu pai é un exemplo para todos nós, e debe selo para os que temos a oportunidade de desenvolver políticas de actuación que contribúan ó progreso da provincia e dos seus Concellos. Con esta pequena homenaxe contribuiremos a que a figura de Severino Rivas Cando permaneza non só na memoria do seu fillo senón tamén na miña propia e na de todos os lugueses, xa que un home que loitou tanto polo pobo e polos seus veciños ben o merece”. Gómez Besteiro concluíu a súa intervención tomando como referencia as liñas da última páxina da Autobiografía. “Gustaríame dicir que é para min un pracer estar hoxe aquí sen que isto signifique abrir novas feridas, senón pechar definitivamente as que nunca deberon ser abertas”. O acto rematou coa actuación musical de Mini e Mero. Acto seguido, as autoridades e invitados desprazáronse ata a rúa Severino Rivas de Castro Riberas de Lea, donde se procedeu ó descobrimento dunha praca conmemorativa.