A Deputación de Lugo insta á Xunta a apoiar o proxecto das cooperativas para garantir a viabilidade de Pascual
![Imaxe deputación de lugo](/sites/deputacionlugo.org/files/default_images/depulugo001.jpg)
José María Arias destaca que a Xunta permanece agochada. Non só é Pascual senón que pode ser calquera industria, non son só os traballadores, senón tamén a familias e o postos de traballo que esta fábrica xera na provincia Esta é a segunda iniciativa que presenta o organismo provincial, xa que no Pleno de outubro debaterase unha proposta semellante, na que se abstivo o PP O Deputado de Gandeiría, José María Arias, anunciou este luns que o equipo de goberno da Deputación de Lugo levará ó Pleno, que se celebrará mañá martes, unha proposta para instar á Xunta de Galicia a levar a cabo cantas medidas sexan necesarias para defender e apoiar un proxecto de futuro para a planta de Pascual en Outeiro de Rei. O Deputado de Gandeiría subliñou que unha vez máis a Deputación ten iniciativas. A Xunta permanece agochada ante un problema grave porque isto segue sen firmarse. Non só é Pascual senón que pode ser calquera industria, non son só os traballadores, senón tamén a familias e o postos de traballo que esta fábrica xera na provincia. En decembro un grupo de 5 pequenas cooperativas encabezadas por Arzuana anunciaban a sinatura dun preacordo de aluguer co Grupo Leite Pascual para a xestión da factoría. Ata ese momento, baralláronse moitas opcións, sendo a que presentaba no mes de xuño o grupo Feiraco, a que conseguía un fito histórico despois de moitos intentos, e que consistía en integrar 24 cooperativas, entre as que se atopaban as máis importantes de Galicia. Deste xeito, quedaba garantido non só a viabilidade e o futuro da fábrica, senón tamén os postos de traballo cun proxecto que permitiría transformar 500 millóns de litros de leite anuais. Ademais, esta iniciativa contaba co apoio do IGAPE, e co interese das Caixas Galegas. A postura que defendeu o Goberno Provincial dende un primeiro momento é o proxecto de base cooperativa para a xestión da planta. Xa no mes de outubro, o Pleno provincial debateu unha proposta do equipo de goberno que, finalmente, obtivo a abstención do PP, e na que se solicitaba á administración autonómica o apoio necesario a esta alternativa. Arias, quen fixo estas declaracións perante a fábrica de Outeiro de Rei, destacou que os gandeiros estamos afogados. Dende a Deputación estamos a facer o que podemos con iniciativas como o Centro de Recría, un proxecto que vai axudar verdadeiramente ó campo. Nova taxa para transportistas de gando A supresión da taxa ós transportistas de gando pola prestación do servizo de limpeza e desinfección de vehículos para o transporte de gando de xeito que, a Consellería de Medio Rural, continúe asumindo o 100% do custe deste servizo, é outra das peticións que solicita o equipo de goberno da Deputación na súa proposta que será debatida polo Pleno. O Deputado Provincial indicou que a situación de Pascual é un problema puntual. Na proposta que levamos ó Pleno de mañá defendemos que ademais agora véñennos con máis impostos de lavado e desinfección de camións; custes que lles afectan ós transportistas, pero que ó final imos ter que pagar os gandeiros. É hora de que o goberno da Xunta sepa que o sector primario de Lugo necesita o apoio que faltou durante 20 anos. Seguimos sen infraestruturas, concentracións parcelarias... e seguen a mirar para outro lado. O departamento que dirixe, Samuel Juárez Casado, está a informar ós centros de limpeza e desinfección dos vehículos adicados ó transporte por carretera no sector gandeiro da aplicación dunha nova taxa pola prestación deste servizo que os usuarios transportistas terán que asumir a partir do 1 de febreiro. Ata este momento, os custes deste servizo eran asumidos pola propia Consellería de Medio Rural. A nova taxa oscilará entre os 11,87 para o lavado e desinfección dun vehículo de menos de 4 toneladas e os 25,66 dun trailer de 2 pisos cun remolque de dous pisos. Esta medida que pretende impoñer a Xunta chega no peor momento, xa que o sector está a ter grandes dificultades económicas, que poden levar ó peche de moitas das 13.000 explotacións leiteiras galegas. Feijóo só fai queixarse de Madrid, pero é hora de que faga algo, xa que leva case un ano de goberno, apuntou José María Arias.